Balance positivo do primeiro mes de funcionamento do Programa Integrado de Emprego

Umia
29 de xaneiro 2020

A inserción laboral durante o primeiro mes foi do 16%. O persoal técnico agarda que se supere o obxectivo do 39% que establece a Xunta e que mesmo se alcance o 75% de inserción laboral logrado na edición anterior

Xuntanza do persoal técnico do Programa Integrado de Emprego
Xuntanza do persoal técnico do Programa Integrado de Emprego / Concello de Moraña

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Cuntis 2020, que promove a Xunta para crear emprego en Moraña, Cuntis, Portas, Caldas de Reis e Barro,  concellos da comarca de Ulla-Umia, logrou no seu primeiro mes de funcionamento, dentro da súa cuarta edición, unha inserción laboral do 16%

Este mércores, técnicos de distintos municipios mantiveron un encontro para facer un balance do traballo desenvolvido e a conclusión é que o arranque foi positivo xa que o obxectivo de inserción sitúase nun 39%.

Aínda faltan dez meses para que finalice a actividade e o obxectivo do programa atópase a 25 puntos, de forma que se agarda que se supere e que mesmo se alcance o 75% de inserción laboral logrado na edición anterior.

Ata o momento, a actividade formativa realizouse con cursos de Prevención de Riscos Laborais e de carretilleiro, cunha participación de 30 persoas. Tamén se iniciou o curso de manipulación de alimentos e en febreiro está prevista a formación con cursos de ofimática e de limpeza de edificios públicos. O municipio de Moraña acollerá, máis adiante, un curso de traballos forestais. 

Este programa, que finalizará en outubro, está dirixido a residentes nestes municipios menores de 30 anos ou maiores de 45 e participa un centenar de persoas. A Xunta inviste 312.000 euros, cunha bolsa de cinco euros diarios aos asistentes a cada sesión de orientación e formación en concepto de gastos de desprazamento.