Cuntis recibe 250.000 euros para realizar unha cuarta edición do seu programa de emprego

Umia
16 de setembro 2020

A Consellería de Emprego financia un programa dirixido a mellorar a inserción laboral dun centenar de persoas de Cuntis, Caldas, Moraña, Portas e Barro

Reunión de avaliación do programa integrado de emprego
Reunión de avaliación do programa integrado de emprego / Concello de Cuntis

O Diario Oficial de Galicia publica este mércores a resolución da Consellería de Emprego e Industria pola que se aproba a concesión de 250.000 euros ao Concello de Cuntis para o financiamento do programa de emprego no que participan os concellos de Cuntis, Caldas, Moraña, Barro e Portas.

O programa Máis Emprego IV ten como obxectivo mellorar a inserción laboral das cen persoas en situación de desemprego que participan neste plan. Os datos das edicións anteriores reflicten que a empregabilidade dos participantes sitúase no 36 % ata a data.

O programa contou con diferentes accións formativas transversais e específicas que foron impartidas en localidades destes concellos. Entre os cursos impartidos figura o de manipulador de alimentos, operador de carretilla elevadora, prevención de riscos laborais, introdución a Internet, ofimática, limpeza de superficies e mobiliario, soldadura e prevención de riscos laborais no sector do metal, atención ao cliente, inglés, xestións laborais básicas e técnicas de venda e control de calidade, entre outras. Así mesmo, tamén se realizaron prácticas non laborais en empresas.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, agradece o apoio de Emprego a este programa integrado. "O balance é moi positivo a pesar das circunstancias tan difíciles ás que nos enfrontamos por mor da Covid-19. En tempos de tanta dificultade é obriga de todas as administracións reforzar o seu compromiso co emprego", declarou.