Máis dunha trintena de balizas colocáronse nos principais lugares turísticos de Marín para ofrecer información aos visitantes sobre todos estes recursos.
Esa información estará accesible a través do código QR que acompañará a estas balizas.
Os traballos para esta sinalización turística desenvolvéronse ao longo das últimas semanas, segundo informou este mércores o goberno municipal.
Os tótems, fabricados con materiais sostibles e duradeiros, forman parte do contrato para o desenvolvemento da nova oficina virtual de turismo de Marín.
Todos eles permitirán coñecer os datos, a orixe ou todas as curiosidades destes lugares emblemáticos para o municipio.

O código QR, incrustado no seu soporte, levará directamente aos turistas á ficha dixital creada dentro da nova web de turismo.
En materia de patrimonio cultural, os recursos sinalizados son a praza de abastos, o Museo Manuel Torres, o Museo do Mar, o paseo Alcalde Blanco, a capela de Sete Espadas ou o templo vello e o centro histórico de Marín.
Tamén se instalaron estas balizas nas igrexas de Santa María do Campo e Santa María do Porto, nos templos de Cantodarea, Ardán, Santomé de Piñeiro, San Xulián, San Diego e Seixo ou nas igrexas evanxélicas de Seixo e Marín.
Ademais, están dispoñibles nas praias de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira, O Santo, A Coviña e Ribeira ou en espazos verdes como a Finca de Briz, o Lago de Castiñeiras, as Fervenzas de Neibó ou o Parque da Brea.
Os miradoiros de Portocelo, Mogor, Pastoriza, Moreira, Teoira e Cruceiro Vento, os petróglifos de Mogor ou o menhir de Currás completan os elementos sinalizados.
O Concello subliña que no Castro da Subidá non se colocaron estas balizas porque xa conta cunha sinalización propia renovada hai pouco tempo.