Balón de osíxeno da Deputación ao Marisco do Grove, o Albariño de Cambados e a Auga de Vilagarcía

O Salnés
19 de maio 2020

Pontevedra ten actualmente dez festas de interese turístico nacional e internacional. Dúas delas, o Cocido de Lalín e a Arribada de Baiona, celebráronse antes do estado de alarma. Pero o resto, entre elas o Marisco do Grove, o Albariño de Cambados ou a auga de Vilagarcía, quedaron nunha delicada situación e, probablemente, teñan que cancelarse

Reunión da deputada de Turismo coas festas de interese turístico
Reunión da deputada de Turismo coas festas de interese turístico / Deputación de Pontevedra

Pontevedra ten actualmente dez festas de interese turístico nacional e internacional. Dúas delas, o Cocido de Lalín e a Arribada de Baiona, celebráronse antes do estado de alarma. Pero o resto, entre elas o Marisco do Grove, o Albariño de Cambados ou a auga de Vilagarcía, quedaron nunha delicada situación e, probablemente, teñan que cancelarse.

Por iso, desde a Deputación de Pontevedra garantiron que, pase o que pase, manterá o financiamento previsto para cada unha destas festas, co obxectivo de que "non se perdan festas que son activos clave para o prestixio turístico da provincia".

Así llo trasladou a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, aos responsables destas festas, entre eles o alcalde do Grove, José Cacabelos, cos que se reuniu este martes mediante unha reunión telemática.

Cada un dos organizadores comentou a súa situación e avanzaron as diferentes opcións que barallan como cambiar a data, apostar por un formato con maiores garantías ou reconvertelo a formatos online ou actividades de promoción para a edición de 2021.

Sexa cal for a opción elixida, segundo Ana Laura Iglesias, a Deputación ofrecerá todo un abano de posibilidades para acompañar ás festas nese camiño.

"Estamos nun ano complicado, pero temos o máximo interese en manter as axudas e contribuír no que faga falta para que as festas se adapten tamén á nova normalidade e ás garantías sanitarias", defendeu a deputada da área de Turismo.

Ademais, a institución provincial ofrecerá tamén aos concellos, entidades e asociacións que impulsan estas festas o asesoramento técnico e administrativo para o desenvolvemento dos necesarios plans de continxencia.

Xunto coas tres festas do Salnés, desta medida poderanse beneficiar a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), o Corpus Christi de Ponteareas, a Romaría Viquinga de Catoira, a Lamprea de Arbo ou a Reconquista de Vigo, que foi suspendida polo estado de alarma.