As máquinas traballan desde este luns en Baltar nas obras de humanización da contorna do pavillón.
Empezaron co levantamento do vello e deteriorado pavimento da cancha de fútbol, un espazo que moi pronto se transformará nun circuíto de pumptrack, pensado para o goce de veciños de todas as idades.
Segundo a información facilitada polo Concello de Sanxenxo, o novo pumptrack será un circuíto pechado de case 85 metros de percorrido, formado por cinco rectas con distintos perfís e cinco curvas peraltadas.
Está deseñado para rodar sen necesidade de pedalear, aproveitando a inercia e o movemento do corpo para gañar velocidade.
Será compatible con bicicletas, patinetes e skateboards, converténdose nunha instalación divertida, segura e accesible tanto para nenos como para adultos, ideal para mellorar o equilibrio e a coordinación.
O proxecto inclúe tamén unha zona anexa de descanso, quecemento ou descompresión, conectada en dous puntos co circuíto. Neste espazo situarase unha área de descanso con aparcabicis, pensada como punto de encontro para usuarios e acompañantes.
Ademais, durante a execución da obra realizaranse probas con bikers para axustar o deseño e garantir que o circuíto cumpra cos estándar propios deste tipo de instalacións.
Os traballos, adxudicados á empresa Narom por un importe de 240.648 euros, forman parte do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
O obxectivo é potenciar a área de equipamentos deportivos de Baltar e dar continuidade estética a todas as zonas verdes da contorna.
A actuación vai máis aló do pumptrack xa que na parte dianteira do pavillón desenvolverase un proxecto paisaxístico que conectará coa zona verde do centro de día, creando espazos de estancia cómodos e accesibles. Instalaranse bancos de formigón prefabricado con asentos de madeira maciza e áreas de pavimento duro para facilitar o tránsito peonil.
Na parte traseira do edificio habilitarase unha senda de zahorra-cemento, ideal para a práctica deportiva, xunto a unha estación de adestramento ao aire libre. Tamén se renovará a semente de céspede natural, respectando o arboledo existente.
O centro de día verá igualmente mellorada a súa contorna pois no xardín interior colocarase un toldo sobre unha soleira de formigón; na zona verde de maior tamaño instalaranse mesas e áreas de estancia, mentres que na máis pequena habilitarase unha pista de chave.
Ademais, substituirase a deteriorada cuberta de metacrilato por unha nova de panel sándwich, instalarase un peche metálico e crearase unha nova porta de comunicación entre as zonas verdes.
Todo o espazo contará con bancos do mesmo deseño e unha iluminación unificada mediante báculos LED, logrando unha imaxe moderna e coherente para unha contorna que aspira a converterse nun novo punto de referencia para o lecer e o deporte ao aire libre en Baltar.