A Xunta de Galicia acaba de autorizar, con condicións, un proxecto para a xestión de residuos no parque empresarial de Nantes, en Sanxenxo.
O informe de impacto ambiental elaborado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que, se se cumpren todas as medidas establecidas, non se esperan efectos negativos significativos sobre o entorno.
O proxecto, promovido por Gómez Uhía Inversiones, prevé a construción dunha planta de máis de 750 metros cadrados destinada a almacenar e tratar residuos perigosos e non perigosos.
Entre as actividades previstas están a xestión de refugallos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) e a recuperación de metais a partir de vehículos, automóbiles e pequenas embarcacións ao final da súa vida útil.
O proceso de autorización incluiu unha avaliación ambiental simplificada, participación pública e consulta con dez organismos interesados, que estableceron unha serie de condicións para protexer o solo, a auga, o aire, a saúde da poboación e o patrimonio natural.
Estes condicionantes están agora recollidos na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e na web da Consellería.
A Xunta lembra que, ademais do visto bo ambiental, o promotor deberá obter todas as autorizacións e licenzas necesarias antes de iniciar a actividade.