Banda do Río, a novidade entre as 112 praias galegas con bandeira azul, 17 delas en Sanxenxo

Ponte Caldelas
11 de maio 2022
Actualizado: 15:29

Bueu está de parabéns. A praia de Banda do Río conseguiu, por primeira vez, ser galardoada cunha bandeira azul. É un dos catro areais galegos que este 2022 estrearán este distintivo de calidade, que este verán ondeará en 112 praias de Galicia

Izado da bandeira azul na praia de Silgar
Izado da bandeira azul na praia de Silgar / Xunta de Galicia

Bueu está de parabéns. A praia de Banda do Río conseguiu, por primeira vez, ser galardoada cunha bandeira azul. É un dos catro areais galegos que este 2022 estrearán este distintivo de calidade, que este verán ondeará en 112 praias de Galicia.

Ao sumar a de Banda do Río, serán cinco as praias de Bueu recoñecidas pola súa calidade e sustentabilidade. Xunto a ela, renovaron as súas bandeiras Area de Bon, Lagos, Lapamán e Portomaior, situando ao municipio entre os máis recoñecidos de Galicia.

Para o alcalde de Bueu, Félix Juncal, poder izar a bandeira no principal areal urbano do municipio "é un soño cumprido", ao lembrar que se partía dun nivel de contaminación "aberrante" que facía que este distintivo parecese "toda unha utopía".

Conseguir este distintivo para a Banda do Río "é un momento ilusionante", engadiu Juncal, xa que a rexeneración desta praia permitiu "conquistar novos espazos de convivencia e relación social", que ademais contribúen a aumentar o potencial turístico de Bueu.

O primeiro posto entre os municipios máis recoñecidos, con todo, segue sendo para Sanxenxo, que logrou manter as 17 bandeiras azuis que izou o pasado ano nas súas praias. Repite como o concello de toda España con máis areais galardoados.

Así, as 17 praias que volverán lucir a bandeira azul en Sanxenxo serán A Lapa, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Espiñeiro, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar.

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, destacou a súa satisfacción por seguir sendo os líderes en España e asegurou que, a pesar diso, "nos nos conformamos" e seguirán traballando para mellorar e incrementar o número de distintivos.

A este respecto, explicou que solicitou a Sanidade a evaluación pertinente para incluír nas zonas de baño as praias de Carabuxeira e Pampaído, xunto a de Nanín que está metida. Deste xeito, segundo Martín, haberá un control periódico da calidade das augas, un dos parámetros que hai que cumprir para optar a estes distintivos ambientais.

Vigo, que chega ás once distincións tras a bandeira concedida por primeira vez á praia de Santa Baia; e Baiona, con seis; son os outros dous municipios das Rías Baixas que superan a media ducia de bandeiras azuis para as súas praias.

Marín, pola súa banda, acumula cinco distintivos, ao conseguir renovar os logrados o pasado ano para Aguete, Loira, Mogor, Portocelo e O Santo.

Entre as 58 bandeiras azuis que ondearán nas praias da provincia tamén estarán Area da Secada e O Bao (A Illa de Arousa), Campanario e Compostela (Vilagarcía de Arousa), Cabeceira (Poio) e a praia fluvial da Calzada (Ponte Caldelas).

O goberno municipal de Vilagarcía considera que a renovación das súas bandeiras azuis é unha "excelente carta de presentación" para a súa promoción turística, "a maiores do orgullo que para os vilagarciáns supón contar con estes recoñecementos de calidade nos seus areais".

A intención do executivo local é continuar mellorando os servizos e as instalacións destas praias, entre outras cousas, coa renovación das pasarelas na Concha-Compostela. O próximo obxectivo é traballar para recuperar o distintivo para a praia do Preguntoiro (Vilaxoán).

Desde Ponte Caldelas, mentres tanto, Andrés Díaz subliñou que para a vila "é un orgullo manter o galardón ano tras ano", o que corrobora a calidade das augas e o "trato exquisito" a nivel medio ambiental da praia fluvial da Calzada.

Esta distinción, segundo o alcalde, "é un prestixio para todo o municipio", pois é un selo de calidade para a praia fluvial que lles permite seguir apostando polo turismo de calidade nun espazo de alto valor natural e paisaxístico. 

O rexedor de Poio, Luciano Sobral, destaca que Cabeceira, tras máis dunha década recoñecida con este distintivo, é un "referente" na comarca. Ademais, aínda que non teñan bandeira, apuntou que catorce das quince praias habilitadas para o baño contan cunha auga da "máxima calidade" e que Xiorto manterá os seus socorristas igualmente.

CINCO PORTOS E SEIS CENTROS AZUIS

Cinco son, pola súa banda, os portos deportivos de Pontevedra que tamén obtiveron unha bandeira azul, dun total de once en toda Galicia. Son os mesmos que a obtiveron en 2021.

Tres deles están en Sanxenxo, con recoñecementos para os portos de Sanxenxo e Portonovo e para o Real Club Náutico de Sanxenxo. As outras dúas son para o porto deportivo de Cangas e o Monte Real Club de Iates de Baiona.

A lista de bandeiras complétase cos seis distintivos para os centros azuis. Son a Aula de Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo (Bueu), o Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor e o Ateneo Santa Cecilia (Marín), o Centro de Interpretación As Telleiras (Sanxenxo) e o Centro de Interpretación da Conserva (A Illa de Arousa).

Ata o de agora, nesta mesma convocatoria, ADEAC concedía as bandeiras aos carreiros azuis, pero nesta ocasión optou por convocar un programa independente. O acto de entrega destes galardóns, con 29 roteiros recoñecidos en Galicia, será o próximo 26 de maio.