Banda do Río, 'baixa' nunhas bandeiras azuis nas que Sanxenxo repite liderado con 17

Sanxenxo
07 de maio 2025
Actualizado: 14:47

En total, serán 108 as praias galegas con bandeira azul, seis menos que o ano pasado. Case a metade -53- están na provincia de Pontevedra, onde recoñecen a sete portos e nove centros

Praia de Silgar, en Sanxenxo
Praia de Silgar, en Sanxenxo / PontevedraViva

Sanxenxo é, un ano máis, a referencia nacional en bandeiras azuis. O municipio logrou revalidar o dezasete distintivos de calidade que xa ondeaban nas súas praias, segundo anunciou a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac).

Así, volverán ondear esta bandeira os areais da Lapa, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, O Espiñeiro, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar.

O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, asegurou que estas dezasete bandeiras azuis "son o resultado do esforzo e o traballo por seguir sendo un destino turístico de referencia e de calidade", converténdose nunha "garantía para os bañistas".

A praia de Pampaído é o seguinte obxectivo que persegue o goberno para seguir aumentando as súas praias con bandeira azul, unha incorporación que esperan conseguir para 2026.

En total, serán 108 as praias galegas con bandeira azul, seis menos que o ano pasado. Delas, case a metade -53- están na provincia de Pontevedra.

Playa de la Banda do Río, Bueu
Praia da Banda do Río, BueuXunta de Galicia

 

Os areais da ría de Pontevedra perden unha destas insignias, xa que Bueu non logrou repetir os estándar de calidade esixidos na praia de Banda do Río. Outro catro, Area de Bon, Lagos, Lapamán e Portomaior, si lucirán este distintivo.

Sobre o areal da Banda do Río, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, aclarou que este ano renunciaron a presentar a candidatura porque se obtivo a calidade de auga excelente "e, tras facer a consulta en Adeac, xa nos avanzaron que non nola concederían".

Iso si, continúa o rexedor, “confiamos en que sexa algo puntual e se recupere para vindeiras tempadas e por iso teremos igual todos os servizos", entre eles os baños e o socorrismo.

Outras catro bandeiras mantén Marín, os outorgados desde hai anos aos areais de Aguete, Mogor, Portocelo e O Santo-A Coviña.

En Poio, pola súa banda, repiten con dúas bandeiras para as praias de Xiorto e Cabeceira.

Dúas bandeiras azuis ondearán un ano máis, pola súa banda, na Illa de Arousa -Area da Secada e O Bao- e Vilagarcía -Campanario e Compostela-.

En Vilagarcía, a noticia foi acollida con moita satisfacción por parte do goberno local porque consideran que este galardón "vén a confirmar a calidade non só da auga senón de todos os servizos postos a disposición dos usuarios nos nosos areais".

A listaxe na área de influencia de Pontevedra complétase co distintivo que volverá lucir a praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas.

Ademais, Vigo obtén doce bandeiras (Argazada, A Fontaíña, A Punta, Canido, Carril, Fortiñón, O Adro, O Mende, O Vao, Rodas, Santa Baia e Tombo do Gato); fronte ás seis de Baiona (Barbeira, Concheira, Frades, Ladeira, Ribeira e Santa Marta).

A eles súmanse A Guarda con dous (Area Grande e O Muíño) e Moaña con unha (O Con).

PORTOS E CENTROS AZUIS

En materia de portos deportivos, a provincia de Pontevedra aumenta a sete as súas bandeiras azuis coa incorporación do Liceo Marítimo de Vigo.

Outro tres estarán en Sanxenxo, onde logran bandeira o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Náutico de Portonovo e o porto deportivo Juan Carlos I.

A eles súmase tamén a bandeira que revalida o porto deportivo de Pedras Negras, en San Vicente do Mar (O Grove). Baiona e Cangas completan a lista de galardoados.

Pontevedra poderá presumir ademais de nove centros azuis, entre os que se estreará o Visor submarino Nautilus de Vigo.

Manteñen a enseña a aula de natureza Cabo Udra, o Estaleiro de Purro e o centro de interpretación de Agrelo (Bueu), o centro de interpretación das Telleiras (Sanxenxo), o centro de interpretación da conserva (A Illa de Arousa), o centro de interpretación dos petróglifos de Mogor (Marín) e a Casa Museo de Colón (Poio).

Os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas -que ten que ser excelente-, a seguridade e a accesibilidade, a dotación de servizos ou a xestión ambiental e a sustentabilidade.

Pola súa banda, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de lecer.