Bará continuará coas obras peonís en Barcelos malia a recollida de sinaturas en contra

Pontevedra
18 de marzo 2016

O concelleiro de Obras sinalou que non coñece o escrito que están asinando os opositores ao proxecto e afirma que non se vai realizar un período de proba porque é inviable. Os cambios comezarán o martes 22 de marzo

Fouces e Bará explican o proxecto de peonalización da Praza de Barcelos
Fouces e Bará explican o proxecto de peonalización da Praza de Barcelos / Mónica Patxot
Bará responde aos opositores á reforma de Barcelos /

O concelleiro de Obras, Luís Bará, afirma que se cumpriu con todos os trámites e requisitos para desenvolver o proxecto de reforma da contorna da praza de Barcelos e mesmo asegura que se tiveron en conta as peticións por parte de veciños e comerciantes que se achegaron ata as reunións que os representantes do goberno local mantiveron no colexio de Barcelos.

Con esta argumentación, Bará considera que noutros proxectos elaborados durante os 16 anos que leva gobernando o BNG en Pontevedra tamén se atoparon con oposición e que os "máximos opositores" a determinadas medidas terminaron converténdose en "maximos defensores". O responsable de Obras engadiu que descoñece o contido do escrito de petición de sinaturas que están levando a cabo comerciantes e veciños da zona.

En canto á posibilidade de levar a cabo un período de proba, tal e como piden algúns comerciantes e o Partido Popular, o concelleiro móstrase contrario ao entender que é "inviable" porque habería que definir canto tempo levaría esa proba e quedaba pechado.

O concelleiro afirma que este tipo de decisións non satisfán á totalidade da poboación e que pode haber persoas que se vexan afectadas porque o seu interese atópase en aparcar na praza de Barcelos, pero mantén que gobernan para unha maioría aos que, ao seu entender, beneficia esta decisión.

Durante esta semana xa se iniciaron as obras na praza con vistas a que estean finalizadas despois de Semana Santa.

Arquivado en