O deputado nacionalista Luís Bará denunciou este mércores que o goberno galego pretende utilizar as futuras competencias de xestión do litoral para perpetuar a ocupación ilegal de instalacións que mantén a Xunta na Xunqueira de Alba, un espazo natural protexido de Pontevedra.
Segundo explica o parlamentario do BNG, a Xunta de Galicia leva anos demorando o traslado das instalacións da Consellería de Medio Rural (servizo de incendios) e da Axencia Galega de Infraestruturas (Centro de Conservación e Vialidade Invernal), situadas en terreos de dominio público marítimo terrestre que forman parte do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba.
Bará subliñou a gravidade desta situación, xa que estes terreos tamén foron cualificados como zona prioritaria de restauración ecolóxica na Estratexia Galega da Infraestrutura Verde.
"A liberación destes espazos permitiría gañar máis de 13.000 metros cadrados de zonas verdes para a cidadanía", destacou o deputado nacionalista, quen animou á Xunta a seguir o exemplo da Deputación de Pontevedra, institución que xa desmantelou as súas instalacións do parque de maquinaria e da imprenta provincial nesta zona, recuperando máis de 17.000 metros cadrados para uso público.
A situación resulta especialmente grave, afirman desde o BNG, no caso das instalacións da Consellería de Medio Rural, que en 2022 anunciou o traslado do seu centro loxístico, taller e base para o servizo de bombeiros forestais, que ocupa un predio de 8.700 metros cadrados na Xunqueira.
Naquel momento, o director de Defensa do Monte comprometérase a ter o proxecto de demolición e rexeneración en 2023, co obxectivo de "deixar os terreos libres e rexenerados na medida do posible". Tres anos despois dese anuncio, o predio segue ocupado por instalacións, maquinaria e vehículos da consellería, afirma Bará.
Pero Bará afirma que a situación é aínda máis preocupante no caso da Axencia Galega de Infraestruturas, que mantén unha "actitude obstruccionista", segundo denuncia o BNG.
O parlamentario nacionalista responsabiliza directamente á conselleira María Allegue da negativa a trasladar as instalacións do Centro de Conservación da Rede de Estradas, malia que a Deputación chegou a ofrecer uns terreos no polígono de Barro para facilitar o traslado.
Ante esta situación, o BNG rexistrou unha nova batería de iniciativas parlamentarias para impulsar o traslado destas instalacións e a recuperación deste espazo natural.