Un cento de árbores substitúen exemplares enfermos, rotos ou que molestaban á veciñanza

Pontevedra
18 de maio 2025
Actualizado: 10:52

Son 13 especies en 18 rúas, entre elas, liquidambar, prunus, tilos ou magnolios. Pretenden mellorar a imaxe e a vistosidade das rúas, ofrecer sombra no verán e deixar pasar a luz no inverno

u
u / Concello de Pontevedra

Un total de 101 árbores de 13 especies diferentes ocuparán as escavas baleiras en 18 rúas dos distintos barrios de Pontevedra. 

Son exemplares de especies como liquidambar, prunus, tilos ou magnolios que a Concellaría de Servizos urbanos básicos elixiu co obxectivo de mellorar a imaxe e a vistosidade das rúas.

Con estes novos exemplares, tamén se busca ofrecer sombra no verán e deixar pasar a luz no inverno.

Haberá novas árbores nas rúas Espincelo, Gorgullón, Otero Pedraio, Virxinia Pereira, Loureiro Crespo, Rodriguez Seoane, Losada Diéguez, avenida de Marín, Rosalía de Castro, Augusto García Sánchez, Losada Diéguez e Xosé Malva; nas prazas Pintor Arturo Souto, Hospital Provincial e As Regas; e nas zonas de Cidade de Pedra, Corvaceiras, Praceres e Salgueiriños.

O departamento que xestiona Xaquín Moreda, encargado do mantemento dos espazos verdes, comezou este proxecto semanas atrás coa retirada de exemplares enfermos ou que non eran acaídos para os espazos urbanos.

O momento máis acaído para realizar estes traballos é a primavera, polo que dende hai unhas semanas a concellaría comezou coa retirada de árbores enfermas como no caso dos freixos da rúa Augusto García Sánchez que estaban nun estado sanitario moi deficiente ou cunha inclinación que os facía perigosos.

Tamén se abordou a substitución de arborado inadecuado para as vías urbanas como no caso de Rodríguez Seoane e Losada Diéguez. Nestas rúas había ficus, que son árbores de gran envergadura e que non perden a folla, xerando molestias e queixas continuas da veciñanza debido ao tamaño. Estas árbores non son apropiadas para rúas pequenas pois teñen un gran crecemento e obrigan a ser podadas constantemente cos riscos que supón. Ademáis, ao non perder a folla, tapan a entrada da luz e pérdese moita luminosidade nas beirarrúas e nas casas durante o inverno.

Seguindo o criterio e traballo iniciado o ano pasado no barrio dos Salgueiriños e en Rafael Dieste, estes ficus están sendo substituídos paulatinamente por árbores mais apropiadas. Neste caso, son Magnolias Kobus, que teñen un tamaño menor, son de folla caduca, teñen raíces pouco invasivas e dan flor en primavera.

Tamén se están a plantar árbores nas escavas que están baleiras ben por ter sido vítimas de vandalismo, como o caso dos Ligustrum da Cidade de Pedra que foron cortados polo pé, ou ben porque son vítimas dos golpes dos coches, como en Loureiro Crespo ou Xosé Malvar.

Tamén se están a repoñer as árbores que partiron durante os temporais do inverno, fundamentalmente durante o Kirk. Están neste grupo o tilo da avenida de Marín, o metrosidero das Corvaceiras ou os cornus de Praceres, entre outros.