A Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente as obras de mellora do saneamento no lugar de Parada, na parroquia da Portela.
Así llo comunicou este martes ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes o deputado provincial Ricardo Martínez nunha visita ao concello.
Este mesmo venres o goberno provincial aprobará un investimento de 115.726 euros procedentes da liña 1 do Plan +Provincia, da que a Barro lle corresponden un total de 348.679 euros neste 2025.
Os traballos proxectados mellorarán a rede de saneamento do concello neste lugar de Parada, xa que actualmente non existe dita rede, polo que a veciñanza emprega fosas sépticas individuais.
Como solución, construirase unha rede de saneamento a través das estradas do núcleo, permitindo así a conexión das vivendas.
Estes ramais verterán nun colector que chegará á EDAR da Portela.
Ricardo Martínez lembrou que no 2025 Barro recibirá preto de 500.000 euros a través das catro liñas do Plan +Provincia e, neste eido, enxalzou este programa que "é un exemplo da forma de actuar da Deputación, co municipalismo como bandeira, escoitando aos concellos e dando resposta ás súas necesidades".