Barro adxudica o Servizo de Axuda no Fogar á empresa Idades por máis de 2,3 millóns de euros

Barro
16 de abril 2025
Actualizado: 9:13

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, reafirmou o "compromiso coas políticas sociais" e reclamou unha "maior implicación por parte da Xunta"

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro
Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro / Concello de Barro

O Pleno do Concello de Barro aprobou na tarde deste martes a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa Idades, especializada na atención domiciliaria a persoas maiores e dependentes.

O SAF é un servizo que está dirixido a persoas en situación de dependencia recoñecida e que permite que poidan continuar vivindo nos seus fogares, coa axuda de profesionais que lles ofrecen coidados persoais, acompañamento e apoio nas tarefas cotiás.

Actualmente, este servizo atende a todas as persoas que cumpren os requisitos, polo que en Barro non hai lista de agarda.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que "o Servizo de Axuda no Fogar é unha ferramenta clave para garantir unha vida digna e autónoma ás persoas maiores e dependentes, un dos colectivos máis vulnerables".

"Desde o Concello facemos un importante esforzo para mantelo e melloralo, a pesar de que se trata dunha competencia da Xunta de Galicia, porque para nós é imprescindible axudar a quen máis o precisa", engadiu Fernández Abraldes.

Para esta prestación, a Xunta achega 12 euros por hora prestada, o custe real do servizo está por enriba dos 20 euros por hora.

Esta situación supón unha "importante presión para as arcas municipais", que cada ano destinan unha parte crecente do seu orzamento a cubrir este déficit.

A empresa Idades S.L. foi seleccionada tras un procedemento aberto de licitación, no que se valoraron criterios de calidade, experiencia e proposta económica.

O novo contrato entrará en vigor nas vindeiras semanas e terá unha duración inicial de tres anos, prorrogable, garantindo así a estabilidade do servizo e das traballadoras que o prestan.

O valor total do contrato ascende a 2.383.180,80 euros.

A oferta económica de Idades S.L. foi a mellor das presentadas e inclúe outros servizos complementarios como fisioterapia, podoloxía ou servizo de acompañamento.

O goberno local do Concello de Barro reafirmou o "compromiso coas políticas sociais" e reclamou unha "maior implicación por parte da Xunta de Galicia para que se asuman con responsabilidade as competencias que lle son propias, sen trasladar a carga aos concellos, que moitas veces teñen que cubrir os ocos deixados pola administración autonómica".