Barro completa a instalación de fibra óptica en todas as súas parroquias

Umia
21 de decembro 2020

A implantación da rede na parroquia de Valiñas pechou unha etapa de dous anos de traballos cos que se logrou dar cobertura ao 95 % da poboación do municipio

Instalación da rede de fibra óptica en Barro
Instalación da rede de fibra óptica en Barro / Concello de Barro

A conexión a Internet por medio de fibra óptica xa é posible en todas as parroquias do municipio de Barro. Despois de dous anos de traballo, o Concello dá por concluída a instalación desta rede agora dispoñible para o 95 % dos veciños.

A parroquia de Valiñas foi a última na que levou a cabo o despregamento da fibra, polo que os usuarios da antiga liña de cobre xa poden contratar este servizo de última xeración e de mellor calidade. 

Os operarios de Telefónica, a través do financiamento do Ministerio de Economía no marco do programa de Extensión da Banda Ancha, foron os encargados de despregar a rede de fibra óptca polo municipio. Este servizo permitirá aos veciños de Barro gozar dun servizo de alto nivel no ámbito das telecomunicacións. 

A pandemia da covid-19 deixou en evidencia a necesidade dunha boa conexión a Internet, posto que moitos estudantes e traballadores dependen deste servizo para poder cumprir coas súas obrigacións. "É moi positivo que a liña de fibra xa chegase a todos os lugares. Foron meses de xestións para que o proceso realizárase da mellor maneira posíbel e coa maior celeridade. Ademais, tamén se conseguiu que a nova rede chegase aos dous polígonos industriais", destacou o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes.

A nova meta do Concello pasa agora por conseguir que os lugares máis remotos do municipio, que teñen acceso ao servizo de teléfono a través dun sistema inalámbrico, poidan tamén dispoñer de banda ancha. Para facelo posible, o rexedor está en conversacións con Telefónica para que estuden a viabilidade de estender a fibra óptica a estes veciños.