O Concello de Barro celebrou na tarde deste luns un pleno extraordinario para aprobar o convenio con Augas de Galicia para a construción da nova depuradora central do Carballal.
A construción da nova depuradora terá un custo total de 3.672.000 euros, dos cales Augas de Galicia financiará, con cargos a Fondos Europeos, o 80% to total, mentres que o concello terá que asumir o 20% restante con cargo a fondos propios, unha contía total de 734.000 euros.
No pleno tamén se aprobou unha modificación de crédito de 734.000 euros para dedicar parte do remanente municipal á construción do proxecto da nova depuradora central.
O goberno local destacou que o "feito de que o Concello levase anos reservando este diñeiro e sendo prudente no gasto, permitiu que neste momento o Concello puidera contar con aforros suficientes para facerlle fronte a un investimento desta magnitude".
Así, continúa, "se o concello non contase con aforros suficientes e tivese que neste momento recorrer a un préstamos, ademais de endebedarse, demoraría moitos meses e correría o risco de perder este investimento e, pola contra, ao poder contar de forma inmediata cos recursos para facer fronte á súa parte, en menos de dez días puido preparar toda a documentación e entregarlla a Augas de Galicia acurtando ao máximo todos os prazos dos trámites municipais".
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, fixo unha valoración moi positiva da materialización deste investimento tan transcendental para o futuro de Barro, como é a construción dun equipamento de máis de 3.600.000 euros.
Para o alcalde, isto consíguese "grazas a que levamos dez anos dando pasos ata conseguir ter un proxecto maduro que presentar á Consellería" e recoñeceu que "é algo practicamente inédito que un concello do noso tamaño puidera afrontar en primeira persoa a elaboración e aposta por un proxecto desta envergadura".
A construción da nova EDAR terá un prazo de execución de un ano e inclúe a eliminación das depuradoras actuais de Piñeiro e do Santo Antoniño e derivar xa todas estas augas residuais á nova depuradora.
Este proxecto terá capacidade xa de forma inicial para 2.000 vivendas e con posibilidade de ampliación ata 4.000.