Barro estrea a súa sede electrónica

Barro
21 de febreiro 2017

Tras un período de adaptación, o Concello de Barro anunciou que a sede electrónica municipal xa se atopa totalmente operativa. Unha vez completado todo o proceso de formación dos funcionarios, todos os trámites administrativos xa se poden realizar en Barro sen necesidade de utilizar o papel

O deputado Javier Dios e o alcalde supervisan a implantación da sede electrónica de Barro
O deputado Javier Dios e o alcalde supervisan a implantación da sede electrónica de Barro / Concello de Barro

Tras un período de adaptación, o Concello de Barro anunciou que a sede electrónica municipal xa se atopa totalmente operativa.

Unha vez completado todo o proceso de formación dos funcionarios, todos os trámites administrativos xa se poden realizar en Barro sen necesidade de utilizar o papel.

O Concello adiántase así á obrigatoriedade que terán todos os municipios a partir de 2018. Este cambio no funcionamento municipal redundará, segundo o goberno, nunha administración máis áxil e transparente.

A incorporación da sede electrónica foi posible grazas á plataforma impulsada pola Deputación de Pontevedra. Por iso é polo que o responsable de novas tecnoloxías do goberno provincial, o deputado Javier Dios, visitou este martes o Concello para supervisar a implantación desta ferramenta.

Contar con esta sede electrónica permitirá, destacou o goberno municipal, axilizar a relación entre os cidadáns e as empresas coa administración na xestión de procedementos e expedientes administrativos. Ademais, os veciños poderán acceder dunha forma directa a toda a información do día a día do concello.

O servizo de implantación, uso e soporte das ferramentas de administración electrónica da institución provincial está destinado aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, non ten ningún custo económico para os adheridos e ata o momento xa se comezou a desenvolver en 14 concellos, dun total de 51 que o solicitaron.

No caso concreto de Barro, a sede electrónica xa se atopa dispoñible a través da páxina web do Concello. Barro ten todos os módulos dispoñibles no servizo de implantación da administración electrónica, grazas aos cales o concello xa conta con ferramentas que está a empregar no rexistro, dispón tamén dun xestor de expedientes ou, ademais, a propia sede electrónica para a cidadanía, entre outras.