Barro estrea un plan de conciliación durante o Nadal e reedita a súa festa de fin de ano

Barro
19 de decembro 2025

A concellaría de Festas deseñou unha programación festiva na que se inclúe a segunda edición do Mercado de Nadal e excursións a Vilanova de Cerveira e ás luces de Vigo

Presentación da programación de final de ano en Barro
Presentación da programación de final de ano en Barro / Concello de Barro

As concellarías de Festas e Benestar do Concello de Barro presentaron as actividades planificadas para os últimos días de 2025 e os primeiros de 2026 no municipio, e que se complementan coa programación xeral xa presentada polo Concello.

"Tras a boa acollida do ano pasado, reeditamos a Festa de Fin de Ano e o Mercado de Nadal pero ademáis incorporamos un Plan de Ocio e Conciliación destinado á rapazada, ademáis dunha excursión a Vilanova de Cerveira e ás luces de Vigo", explicou o tenente de alcalde, José Sanmartín.

Ese plan de lecer ao que se refire Sanmartín é 'En Plan Nadal', e desenvolverase os días 26, 27 e 28 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro en tres espazos diferentes: o pavillón municipal, o salón de actos da Biblioteca e a carpa instalada no exterior do Centro Cívico.

Zona de lecer, competicións deportivas, concursos de cancións e charlas compoñen a programación do espazo de conciliación, pensado para escolares de 12 a 16 anos.

Ademais o domingo 28 de novembro volverase a celebrar o Mercado de Nadal, entre as 11.00 e as 20.00 horas, na a carpa instalada diante do Centro Cívico, complementándose desde as 16.00 horas coa habitual feira.

A propia carpa do Centro Cívico acollerá tamén a Festa de Fin de Ano.

Será "unha noite na que agardamos reunir a veciñanza e repetir a gran acollida do ano pasado", asegura o tenente de alcalde, arrincando ás 0.30 horas do día 1 de xaneiro coa música cos DJs Kiko e Miluco e que contará con cotillón, photocall, servizo de bar e chocolate con churros.

No que respecta ás excursións o sábado 27 de decembro está prevista unha visita a Vilanova da Cerveira, con parada á volta en Vigo para ver as luces de Nadal. A viaxe é de balde e tan só cobrarase un suplemento para a comida en grupo de 22 euros por persoa, con inscricións abertas ata o día 26 de decembro.

Arquivado en