Barro mantén conxeladas as taxas e impostos e aumenta o gasto social

Barro
24 de novembro 2021

O Concello de Barro aprobará as contas municipais para o exercicio do ano 2022 no Pleno ordinario que se celebrará na tarde deste mércores. A contía total do orzamento ascende a 2.700.000 euros, o que supón un aumento do 7,8% a respecto do anterior, un total de 195.000 euros máis

Equipo de goberno de Barro Concello de Barro

O Concello de Barro aprobará as contas municipais para o exercicio do ano 2022 no Pleno ordinario que se celebrará na tarde deste mércores. A contía total do orzamento ascende a 2.700.000 euros, o que supón un aumento do 7,8% a respecto do anterior, un total de 195.000 euros máis. 

Segundo o Goberno local, son uns orzamentos nos que, un ano máis, vólvense conxelar as taxas e os impostos, "unha decisión de non incrementar a presión fiscal das familias que se vén plasmando nas contas municipais desde que o BNG accedeu ao goberno municipal".

Nestas contas non se recolle ningunha partida de amortización de débeda, pois o Goberno municipal procedeu á súa cancelación no exercicio do ano 2020 e ten neste momento débeda cero. 

Volve a destacar o incremento na partida a Atención Social, con 55.000 euros máis, chegando este ano a 567.100 euros, "co obxectivo de continuar axudando ás persoas con máis dificultades", a través do Servizo de Axuda no Fogar e doutros servizos municipais.

O Goberno municipal asegura que "seguirá un ano máis apostando pola mellora dos servizos básicos e pola dinamización social e cultural do concello e das parroquias, contando cos colectivos culturais, sociais e deportivos do concello".

As contas municipais para o exercicio do 2022 reservan un capítulo importante á promoción de emprego e o asentamento de novas empresas no terreo industrial do concello.