Batalla de regueifas en Sanxenxo

Sanxenxo
11 de abril 2019

O auditorio do pazo Emilia Pardo Bazán acolleu este xoves o I Certame de Regueifas do Concello de Sanxenxo, organizado polo IES Sanxenxo en colaboración co IES Vilalonga e Colexio Abrente

Certamen de Regueifas en Sanxenxo
Certamen de Regueifas en Sanxenxo / Xunta de Galicia

O auditorio do pazo Emilia Pardo Bazán acolleu este xoves o I Certame de Regueifas do Concello de Sanxenxo, organizado polo IES Sanxenxo en colaboración co IES Vilalonga e Colexio Abrente.

A idea é achegar a poesía, a regueifa e a improvisación dunha maneira lúdica ao alumnado dos centros de secundaria do municipio coa finalidade de fomentar a oralidad, a creación artística, eliminar prexuízos lingüísticos e recuperar a regueifa como unha tradición propia e un medio de achegamento de aprendizaxe da poesía.

Previamente desenvolvéronse nos diferentes centros dúas xornadas de talleres para ensinar ao alumnado a técnica necesaria para a composición das regueifas e o uso da improvisación.

Durante estes talleres, o alumnado de segundo da ESO dos tres centros educativos aprendeu a improvisar oralmente os seus poemas en galego da man da regueifeira Lupe Blanco e do regueifeiro Josiño da Teixeira. No certame, o estudantado tivo ocasión de mostrar os coñecementos adquiridos regueifando cos compañeiros dos outros centros de secundaria da vila.

O encontro deste xoves serviu para, dentro dunha xornada de intercambio, poñer en práctica todo o aprendido e poñer en valor a nosa cultura popular.

Este proxecto, patrocinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, non tivo carácter competitivo polo que, ao finalizar, todos os grupos participantes recibiron unha rosca como premio.