A histórica igrexa parroquial de Santa María de Sacos, no concello de Cerdedo-Cotobade, amosaba este sábado 25 a rehabilitación que supuxo un investimento de 330.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, presidiu o acto de bendición do templo románico e fixo entrega das chaves ao párroco local, Julio Cárdenas.
A cerimonia, que contou coa presenza do alcalde Jorge Cubela e varios membros da Corporación Municipal, supón o colofón a uns traballos de restauración que comezaron en 2023 e que permitiron devolver ao edificio o seu aspecto orixinal, eliminando intervencións inadecuadas realizadas na segunda metade do século XX.
As obras centráronse en solucionar os problemas históricos de humidade e filtracións que viña padecendo o templo.
Entre as actuacións máis salientables destaca a instalación dun novo illamento térmico sobre as bóvedas da nave e a ábsida, así como a impermeabilización da cuberta e o encintado dos muros.
Unha das intervencións máis significativas foi a substitución do antigo coro de formigón por un novo de madeira, recuperando así a estética tradicional.
Tamén se renovaron as ventás de aluminio por outras que permiten unha mellor ventilación, e eliminouse o revestimento superficial inadecuado que cubría gran parte dos muros.


PROXECTO PARA AS PISCINAS DE CABANELAS
Jorge Cubela tamén mantivo nas últimas horas un encontro con residentes na parroquia de Viascón para presentar o proxecto do acondicionamento paisaxístico da contorna das piscinas fluviais de Cabanelas.
O goberno local quere poñer en marcha este proxecto a través dunha liña de financiación da Deputación de Pontevedra.
A presentación correu a cargo da gañadora da licitación e redactora do proxecto construtivo, Cristina García, quen se encargou de explicar á veciñanza os detalles técnicos desta obra.
