A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés deu este xoves a benvida a 54 estudantes do 2º curso do Grao de Enfermaría da Escola de Enfermaría de Pontevedra, centro adscrito á Universidade de Vigo.
Este grupo de alumnos e alumnas inicia así o seu primeiro período de prácticas formativas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), no marco da asignatura Prácticas Clínicas I.
O acto de acollida celebrouse no salón de actos do Hospital Montecelo, coa presenza de responsables asistenciais, de formación e docencia regrada.
Para estes estudantes, este segundo cuadrimestre supón a súa primeira toma de contacto co ámbito asistencial. Nos cursos superiores, terán a oportunidade de completar a súa formación en centros de Atención Primaria.
A incorporación deste alumnado reflicte o compromiso da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés coa formación universitaria en ciencias da saúde.
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra mantén así a súa aposta por estar na primeira liña da docencia, contribuíndo á formación de novos profesionais e reforzando a súa vinculación coa Universidade de Vigo.
Esta colaboración non só beneficia ao alumnado, senón que tamén ten un impacto positivo no persoal do centro, tanto no ámbito docente como no investigador e asistencial.
A participación en grupos de investigación, a mellora da competitividade en convocatorias e o acceso á carreira docente son algunhas das vantaxes que se derivan desta iniciativa.
Ademais, a acreditación universitaria do CHUP implica a mantemento de altos estándares de calidade tanto no plano organizativo como no asistencial.
Este compromiso, segundo a xerencia, repercute directamente no beneficio dos pacientes da área.
