O vindeiro sábado 20 de decembro celebrarase en Pontevedra a chegada do Apalpador, unha figura emblemática do Nadal galego.
O Apalpador, carboeiro que nestas datas baixa do monte para visitar aos nenos e nenas, apalparlles as barrigas e regalarlles castañas, será recibido este ano coa colaboración das entidades: Boa Vida, inclusión activa e o Centro Social A Pedreira
A xornada está organizada porla Asociación de Veciños Eduardo Pondal e comezará pola mañá cunha festa infantil ás 12:00 horas, a cargo de Migallas Teatro, que terá lugar no Centro Social A Pedreira (Rúa Serra, 36).
Xa pola tarde, ás 17:30 horas, terá lugar a tradicional ruada do Apalpador, que sairá do Centro Social do Gorgullón e percorrerá diferentes puntos da cidade acompañado por gaiteiros, castañeiros e todas aquelas persoas que desexen participar. O percorrido inclúe paradas na Praza de Compostela (18:00), Praza da Peregrina (18:15), Praza Curros Enríquez (18:30) e Praza da Verdura (18:45).
Ás 19:00 horas, o Apalpador será recibido oficialmente na Casa da Luz, na Praza da Verdura. A xornada pecharase ás 19:30 horas cun encontro festivo con música ao vivo e petiscos, da man das Pandereteiras do Gorgullón, para despedir o ano nun ambiente tradicional e familiar.
A primeira visita do Apalpador a Pontevedra tivo lugar no ano 2014 grazas á iniciativa da Asociación de Veciños Eduardo Pondal. Tras unha interrupción no ano 2020 debido á pandemia, a actividade retomouse en 2021 e desde entón segue mantendo viva esta tradición e a relación co Apalpador.