A Biblioteca de Campelo pon en marcha a terceira edición do Reto Lector

Poio
14 de xaneiro 2026
Actualizado: 13:51

Ten como finalidade fomentar o hábito lector e espertar o interese por distintos xéneros literarios. Nesta ocasión incorpora tamén ao público infantil

Premios aos mellores lectores da Biblioteca de Poio en 2025
Premios aos mellores lectores da Biblioteca de Poio en 2025 / Concello de Poio

A Biblioteca de Poio pon en marcha a terceira edición do Reto Lector, unha iniciativa que nesta ocasión amplía o seu alcance incorporando tamén ao público infantil.

O reto ten como finalidade fomentar o hábito lector e espertar o interese por distintos xéneros literarios a través dunha proposta temática diferente para cada mes do ano.

"Trátase dunha oportunidade para descubrir novos títulos e achegarse a obras que, quizais, doutro xeito non escolleríamos das estanterías da biblioteca e que, finalmente, acaban por sorprendernos e atraparnos na lectura", destacou a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís.

Para participar nesta terceira edición do Reto Lector basta con dispoñer do carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e inscribirse no mostrador de préstamo da Biblioteca Municipal de Poio, onde se lle facilitará unha cartilla de control que cada participante irá selando cada mes ata superar o reto.

O premio é ler, descubrir novos xéneros, títulos e escritores, pero tamén todas as persoas que superen o reto poderán eliminar unha sanción por devolución fóra de prazo na biblioteca durante o 2027 e un agasallo sorpresa.

O reto dos adultos inclúe como proposta de lectura para o mes de xaneiro "Ler antes de Morrer"; para febreiro deberán elixir unha lectura con temática amorosa; en marzo libros con adaptacións cinematográficas; en abril unha lectura para compartir coa familia; maio, unha novela distópica; en xuño, un manga ou novela gráfica.

Para xullo resérvase un "Feito en Galicia"; en agosto a proposta é "Con moita Filosofía"; setembro, libros recomendados polos usuarios da biblioteca; outubro, "Animalarios"; novembro, literatura gótica e conclúe en decembro con "segundas oportunidades".

No caso do reto infantil, xaneiro comeza cun "libro ao chou"; febreiro cun conto de temática amorosa; marzo con libros que teñan unha adaptación cinematográfica; abril cunha lectura para compartir en familia; maio cun libro informativo sobre a natureza; xuño cun cómic ou manga; xullo estará dedicado ao "feito en Galicia"; agosto a curiosidades e outras cousas; setembro a libros recomendados polos usuarios; outubro a contos de animais; novembro a historias de imaxinación ou misterio; e decembro a lecturas relacionadas co Nadal.

Por outra banda, Natalia Sabarís fixo entrega esta semana dos premios aos mellores lectores da Biblioteca Municipal en 2025, que recaeron en Pilar Santiago Alfonso, de Campelo, na categoría de adultos, e en Irene Mariño Piñeiro, de sete anos e veciña de Campelo, entre os lectores infantís.