"Graves riscos" de seguridade en Poio por eventos sen plan de emerxencia, denuncia o delegado de CSIF na Policía Local

Poio
12 de xaneiro 2026

O representante sindical acusa o alcalde de permitir aforamentos excesivos en actos do Nadal e critica o nomeamento dun xefe accidental da Policía Local sen experiencia

Acto dos Reis Magos en Poio este Nadal
Acto dos Reis Magos en Poio este Nadal / Concello de Poio

O sindicato CSIF con representación na Poilcía Local de Poio lanzou unha dura advertencia sobre a xestión da seguridade pública no municipio.

A central sindical denuncia que o goberno local de Ángel Moldes está a permitir a celebración de eventos multitudinarios sen cumprir coas medidas de seguridade obrigatorias, o que xera un risco de "suceso fatal" para a cidadanía.

O núcleo da denuncia céntrase na xestión das pasadas festas de Nadal. Segundo CSIF, actos como a cabalgata ou os eventos na carpa da Seca foron realizados sen os informes favorables da Policía Local nin as autorizacións da DXT.

O sindicato, a través do delegado David Vázquez Salgado, pon o foco no exceso de aforamento. Sinalan que, mentres o recinto da Seca ten unha capacidade aproximada de 300 persoas, o propio rexedor presumiu en redes sociais de congregar a preto dun milleiro.

CSIF lembra que a normativa autonómica esixe un plan de autoprotección, ambulancias e saídas de emerxencia específicas en canto se superen os 500 asistentes, requisitos dos que, aseguran, estes eventos carecían.

Para Vázquez Salgado, esta situación é consecuencia do que denominan "inxerencias políticas" no corpo policial.

Critican que o nomeamento da xefatura accidental, ante a ausencia do titular, recaia nun axente con menos de tres anos de antigüidade.

Segundo CSIF, esta falta de experiencia facilitou que o mando sucumba a criterios políticos en lugar de técnicos, comprometendo a seguridade operativa desde o pasado mes de outubro.

A central sindical alerta de que tanto o alcalde como o responsable accidental do corpo poderían incorrer en responsabilidade penal persoal en caso de producirse un incidente grave, como unha avalancha ou unha evacuación errada.

"Esperamos non ter que lamentar unha desgraza provocada por decisións irresponsables", engade o comunicado, no que se esixe o cesamento inmediato da improvisación e o respecto estrito á legalidade vixente para garantir a integridade dos asistentes e dos propios traballadores municipais.