A Policía Local de Poio foi recoñecida este mércores polo seu traballo en favor da protección da infancia pola Asociación de Xefes de Corpo e Mandos de Policía Local de Galicia (AXEMPOL) e pola Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local (UNIJEPOL).
O galardón pon en valor o labor desenvolvido a través do Programa Axente Titor, unha iniciativa que aposta pola prevención e o acompañamento no entorno escolar.
Este servizo, centrado no benestar da mocidade, implica á Policía Local en accións nos centros educativos e nos espazos públicos, sempre en colaboración coa comunidade escolar e cos servizos municipais.
O Axente Titor traballa día a día en tarefas tan importantes como evitar o absentismo escolar e detectar menores sen escolarizar, mediar en conflitos entre alumnado e familias, previr o consumo de substancias, o acoso escolar e outras condutas de risco, promover a educación viaria a través de charlas, simulacros e campañas, fomentar a protección ambiental e a mellora dos espazos escolares e formar ao alumnado no uso responsable das tecnoloxías.
Desde a súa posta en marcha, o programa xa supera as 100 intervencións, converténdose nun referente a nivel estatal entre os concellos de menos de 20.000 habitantes. A súa eficacia levou ao Concello de Poio a sumarse ao Programa Marco da FEMP, co obxectivo de ampliar o seu alcance e reforzar esta valiosa iniciativa.
Cómpre destacar tamén a estreita coordinación coa Fiscalía de Menores de Pontevedra, que permitiu levar a cabo actuacións xudiciais e administrativas con resultados moi positivos tanto para os menores como para as súas familias.
O Programa Axente Titor é, en definitiva, un exemplo de policía de proximidade, innovación social e compromiso coa cidadanía, que contribúe a crear un entorno máis seguro, solidario e respectuoso para os máis pequenos.
Este novo recoñecemento súmase aos premios que a Policía Local de Poio xa leva colleitados nos últimos anos como os de boas prácticas en seguridade viaria (2019), á traxectoria e labor do xefe da Policía Local (2022) ou o diploma de recoñecemento da Comandancia de Pontevedra pola colaboración na protección da cidadanía (2024).
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.