Detido en Redondela tras outra persecución o home ao que buscaban tras fuxir cun coche roubado en Poio

Poio
24 de outubro 2025
Actualizado: 13:57

Escapou da Policía Local de Redondela e detívoo a Nacional por roubo de uso de dous vehículos. En Poio fuxiu cun coche roubado o 15 de outubro. É un mozo de 35 anos ao que consideran perigoso

Policía Local de Poio
Policía Local de Poio / Policía Local de Poio

Oito días despois, a fuga terminou. O home que o pasado 15 de outubro protagonizou unha perigosa fuga e persecución policial cun coche roubado por Poio e Pontevedra foi detido este xoves 23 en Redondela.

Foi detido tras protagonizar outra espectacular persecución policial, neste caso, en Redondela.

Fontes oficiais da Policía Nacional de Vigo-Redondela confirmaron a detención dun home, aínda que non concretaron que se trata do mesmo de Poio. Outras fontes consultadas si o confirmaron.

O home fuxiu pola mañá da Policía Local de Redondela e pola tarde foi detido pola Policía Nacional polo delito de roubo de uso de vehículo. En concreto, de dous vehículos.

A Policia Nacional de Redondela logrou recuperar dous vehículos que, segundo diversas fontes, tiñan placas portuguesas.

Tras a súa detención, xa foi posto a disposición xudicial.

En Poio, o coche fora roubado dúas semanas antes na Porteliña e, tras a persecución, o condutor deixouno abandonado. Non ten carné de conducir.

Houbo un amplo operativo de procura das policías locais de Pontevedra e Poio e da Garda Civil e horas máis tarde, puido recuperalo a Policía Nacional de Pontevedra.

O sospeitoso é un mozo de 35 anos de nacionalidade marroquí que vivía de okupa nun inmoble de Poio e na actualidade ten domicilio descoñecido.

É "unha persoa moi perigosa con antecedentes de todo tipo" e xa lle consta unha detención por condución temeraria en Poio hai uns anos, segundo informou a Policía Local de Poio

A Policía Local indica que parten da hipótese de que este home está relacionado con outros roubos, ademais do vehículo co que fuxiu.