Homenaxe aos voluntarios que fan de Poio un concello máis seguro

Poio
25 de outubro 2025

O Concello de Poio entrega a Medalla de Ouro á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil recoñecendo trinta anos de servizo desinteresado á cidadanía

Entrega da Medalla de Ouro de Poio a Protección Civil
Entrega da Medalla de Ouro de Poio a Protección Civil / Concello de Poio

Este venres foi un día especial en Poio debido a que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil recibiu a Medalla de Ouro do Concello, unha das distincións máis importantes coas que se recoñece o compromiso e a entrega desinteresada ao servizo da veciñanza… e máis cando esa entrega leva máis de trinta anos.

O acto celebrouse no Casal de Ferreirós e contou cunha nutrida presenza de veciñanza e autoridades, entre elas, o alcalde, Ángel Moldes; o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; o xefe do Servizo de Emerxencias, Miguel Ángel Pérez Dubois; membros da corporación municipal e representantes de colectivos e entidades locais que quixeron acompañar e aplaudir aos voluntarios.

O alcalde non escatimou palabras e destacou a "admiración, respecto e profundo agradecemento" cara a cada unha das persoas que formaron parte desta agrupación ao longo destas tres décadas.

"Falamos dun colectivo exemplar, formado por homes e mulleres que dedican o seu tempo e esforzo, sen esperar nada a cambio, para estar sempre ao lado da cidadanía. Son os primeiros en chegar ante calquera emerxencia e nunca fallan cando se lles necesita. Grazas ao seu compromiso e xenerosidade, Poio é un concello moito mellor", sinalou Moldes.

A Medalla de Ouro, explicou, simboliza o recoñecemento público a unha traxectoria de entrega, responsabilidade e servizo desinteresado. Valores que converten a Protección Civil de Poio nun exemplo para toda a sociedade. "Poio pode estar orgulloso da súa Agrupación de Protección Civil. Sempre están aí, a cambio de nada, sexa de noite ou de día, en situacións de emerxencia ou nos eventos festivos, culturais e deportivos. Exponse, renuncian ao seu tempo de lecer, pero manteñen intacto o seu compromiso coa cidadanía", engadiu.

Entrega da Medalla de Ouro de Poio a Protección Civil
Entrega da Medalla de Ouro de Poio a Protección CivilConcello de Poio

No acto, o presidente da Agrupación, Manuel Vicente, recolleu a insignia e asinou no Libro de Honra do Concello, en representación de todas as persoas que fixeron posible este servizo durante máis de 30 anos. Durante a súa intervención, Vicente destacou o traballo das 40 persoas que actualmente forman parte da agrupación e tamén o das que xa deixaron a súa pegada na historia do colectivo.

"Pedimos a mesma lealdade que cada día amosan os voluntarios coa cidadanía. A nosa labor é voluntaria e, moitas veces, pasa desapercibida. Este recoñecemento tamén é para as nosas familias, que ceden tempo con nós para que poidamos axudar aos demais. É tempo que restamos a eles, pero que dedicamos a construír unha sociedade mellor", afirmou.

A concesión da Medalla de Ouro foi aprobada por unanimidade no pleno do 30 de setembro, xunto coa decisión de outorgar a mesma distinción á Garda Civil de Pontevedra, recoñecendo así a entrega e compromiso de ambos os colectivos coa seguridade e o benestar da cidadanía.