O CSIF alerta da "situación crítica" da Policía Local de Poio, que só contará con dous axentes de mañá até o verán de 2026

Poio
11 de outubro 2025
Actualizado: 15:32

Segundo o sindicato, o actual número de efectivos resulta insuficiente para cubrir os servizos mínimos esenciais

Sede da Policía Local de Poio
Sede da Policía Local de Poio / Cristina Saiz

O representante sindical da CSIF na Policía Local de Poio advertiu este sábado da "crítica situación" que atravesa este servizo municipal. Segundo denuncia, o persoal actual é tan escaso que, "de maneira indefinida e previsiblemente até o verán de 2026", só haberá quenda de mañá, e estará cuberto unicamente por un ou dous axentes ao día.

Esta falta de persoal impide, segundo o sindicato, garantir os servizos mínimos que require a cidadanía, como atender avisos veciñais ou participar en campañas de seguridade viaria promovidas pola DXT, como as de control de velocidade, uso do cinto, consumo de alcol ou distraccións ao volante.

Desde a CSIF aseguran que esta carencia de axentes e a pouca presenza na rúa está a xerar unha crecente sensación de inseguridade entre os veciños, que ven como o seu municipio queda practicamente desatendido en materia de vixilancia e control.

O sindicato responsabiliza desta situación ao goberno local do Partido Popular, ao que acusa de "inmovilismo" e de non ofrecer "solucións reais" ao conflito.

Lembran que a Policía Local leva pechada desde fai máis dun ano e medio, e critican que o equipo de goberno, encabezado polo alcalde Ángel Moldes, "é experto en manipular a imaxe institucional a través de redes sociais, pero totalmente ineficaz na xestión dos asuntos que realmente importan".

Neste contexto, o sindicato considera claramente insuficiente a única medida proposta até o momento polo goberno municipal como é a creación dunha praza de oficial, recollida na modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) negociada o pasado 8 de outubro.

Desde a CSIF sinalan que a ratio de axentes por habitante continúa sendo moi inferior á recomendada para un municipio coas características e poboación de Poio, polo que consideran urxente un plan de reforzo e reorganización do servizo policial que garanta unha cobertura axeitada ás necesidades da localidade.