A Policía Local de Poio alerta do "caos circulatorio" en Combarro por falta de persoal durante a Festa do Mar

Poio
29 de agosto 2025

O corpo policial pecha as súas portas en todas as quendas da fin de semana, no medio dun conflito laboral que agrava a situación de tráfico e seguridade no municipio

Retención de vehículos no centro de Combarro este venres 29 de agosto
Retención de vehículos no centro de Combarro este venres 29 de agosto / Policía Local de Poio

A Xefatura da Policía Local de Poio, a través de representantes sindicais, denuncia un "caos circulatorio" en Combarro este venres 29 de agosto, coincidiedo coa celebración do segundo día da Festa do Mar.

A situación agrávase pola falta de servizo da Policía Local, que non tivo quenda de tarde durante toda a semana e pechará as súas portas en todas as quendas durante a fin de semana por falta de persoal.

Esta ausencia de vixilancia está a xerar importantes problemas de tráfico e seguridade, con múltiples queixas de veciños e visitantes, segundo informan fontes sindicais.

Nesta xornada as retencións de tráfico producíanse tanto no centro de Combarro como na PO-308, ao longo da recta de acceso ao conxunto histórico de Combarro.

Colas de tráfico no acceso a Combarro na PO 308
Colas de tráfico no acceso a Combarro na PO 308Policía Local de Poio

FALTA DE RECURSOS

A Policía Local de Poio leva tempo no medio dun conflito laboral co goberno local de Poio e denuncia unha falta de planificación e recursos que se agudiza en momentos de alta afluencia de visitantes como o actual.

Malia as reiteradas promesas do goberno local de garantir un servizo de Policía Local operativo as 24 horas, os axentes denuncian que non se adoptaron medidas efectivas para reforzar o persoal nin mellorar a estrutura organizativa.

O sindicato CSIF, en representación dos axentes, critica que, lonxe de buscar solucións, o goberno local "segue utilizando cortinas de fume para culpabilizar os axentes da súa propia nula xestión".

Aseguran que a Policía permanece pechada e que non se planifica unha estrutura axeitada que dote o corpo do número necesario de axentes e mandos, o que, ao seu xuízo, manterá a mesma ineficiencia e problemática durante este mandato.

Desde o sindicato sinálase a falta de implicación de Cándido Muíños, concelleira de Persoal, a actitude "propagandística" do alcalde Ángel Moldes en redes sociais, e as presións exercidas pola concelleira de Seguridade sobre os traballadores do corpo. Estas presións incluirían cambios de quenda baixo ameaza de expedientes e coaccións ao persoal auxiliar con reducións salariais.

O CSIF fai un novo chamamento á responsabilidade institucional, lembrando que a seguridade cidadá "non pode depender de improvisacións nin de estratexias comunicativas, senón dunha xestión seria e comprometida coas necesidades reais de Poio".

Tráfico en Combarro durante a Festa do Mar
Tráfico en Combarro durante a Festa do MarPolicía Local de Poio