Denuncian o peche da Policía Local en Poio entre o 11 e o 17 de agosto: "O servizo está colapsado"

Poio
16 de agosto 2025

O sindicato CSIF asegura que a Policía estivo sen servizo desde o dia 11 de agosto salvo "o martes puntualmente de mañá" por falta de persoal. "Compromete a seguridade cidadá", critican

Sede da Policía Local de Poio
Sede da Policía Local de Poio / Cristina Saiz

A Policía Local de Poio pechou as súas portas en pleno verán, entre o pasado 11 de agosto e até este próximo domingo día 17 por falta de persoal.

É a denuncia que fixo pública este sábado o sindicato CSIF, asegurando que se trata de "unha situación límite que compromete a seguridade cidadá e a saúde dos propios axentes".

Son palabras de David Vázquez, delegado sindical de CSIF na Policía Local de Poio.

Na actualidade a policía municipal conta cun persoal, recoñecida na Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, de 13 prazas de axentes, das cales tres atópanse vacantes e "hai seis persoas de baixa, tres de longa duración por probelmas persoais graves e outro tres por diversos motivos". Unha situación que fai que actualmente o persoal estea "totalmente colapsado".

Debido a iso, entre días libres e vacacións, pechou o servizo da Policía Local estes días salvo "o martes puntualmente de mañá", afirma o representante de CSIF.

David Vázquez, delegado sindical de CSIF na Policía Local de Poio
David Vázquez, delegado sindical de CSIF na Policía Local de Poio

Afirma o sindicato que o cociente de axentes por habitante que lle corresponde a Poio segundo a Federación Española de Municipios e Provincias debería ser de 25 axentes, e de 31 segundo a Unión Europea.

"Non se trata dun problema puntual. Desde hai meses vimos alertando de que, co persoal actual e a xestión esxistente, o servizo sería incapaz de atender as necesidades básicas do municipio", asegura David Vázquez, o que agora está a desembocar en "quendas sen cubrir, servizos sen atender, chamadas sen resposta e expedientes que se acumulan sen poder resolverse".

De feito apunta o sindicato que agora mesmo a Policía Local conta con 18 expedientes de accidente sen finalizar, 8 atestados xudiciais pendentes, 60 informes diversos, 25 peticións de veciños e compañías de seguros e 400 chamadas e 150 servizos sen atender.

Por todo iso, apuntando cara á xestión do goberno local e dos concelleiros responsables tanto de Persoal como de Seguridade Cidadá, aseguran que "mentres non haxa cambios reais na xestión do persoal e na actitude política cara a este corpo, a seguridade dos veciños seguirá en risco e o persoal continuará sufrindo un desgaste insostible".

CSIF avanza que presentou formalmente por rexistro unha solicitude para que se abra unha investigación "por acoso psicolóxico e moral de forma continuada" amparándose no protocolo de acoso laboral "aprobado polo propio alcalde".

O representante dos traballadores explicou tamén que para este verán incorporáronse ao servizo 6 auxiliares de policía a pesar das 12 prazas solicitadas pola Xefatura.

A iso súmanse as dúas prazas de policías en prácticas que se pretende incorporar pero que "como mínimo non estarán activas até verán de 2026".

RESPOSTA DO CONCELLO

Desde o Concello de Poio saíron ao paso das acusacións tachando de "casualidade" que varios axentes alternen desde principio de verán baixas médicas con vavaciones.

"Neste momento hai seis policías de baixa, algún de longa duración pero outros cun patrón que chama a atención, xa que desde que empezou o verán, casualmente, están a alternar baixas e vacacións, dándose de alta xusto o día antes de irse de vacacións e collendo de novo a baixa xusto ao seu regreso", acusa o Concello esperando que non se trate dun intento "deliberado" para boicotear o servizo.

"Tamén é cuestionable que un dos axentes traballase de luns a xoves, porque os venres tiña horas sindicais e os fins de semana libre por un acordo co xefe accidental, ademais de traballar exclusivamente en horario de mañá", engaden desde o goberno local.

Defenden ademais desde o Concello que a Policía Local de Poio é unha das "mellor equipadas de toda Galicia".