O BNG de Poio alerta sobre a deterioración da parcela da Graña, un solar de 40.000 metros cadrados convertido en nun vertedoiro que está a acabar co asfaltado do Camiño da Foguetería, a estrada que leva a Campelo desde o cruzamento de Albar.
A portavoz nacionalista, Marga Caldas, denuncia que o terreo onde se ía a construír un centro de saúde, un pavillón deportivo e instalacións culturais, está en "total estado de abandono, sen ningún tipo de mantemento por parte do actual goberno do PP"
Segundo subliña, "a situación amosa de novo a falta de interese de Ángel Moldes pola construción do ambulatorio e o resto de equipamentos, ademais de pola mellora dos accesos a Campelo que implicaría o desenvolvemento urbanístico da zona".
Esta situación xera "posibles delitos ambientais", pero tamén ten consecuencias directas sobre a vía de acceso: a constante trasfega de coches, furgonetas e camións, agravado polas recentes choivas, está cuarteando o asfaltado do Camiño da Foguetería.
Caldas critica que, desde que o PP ocupa a Alcaldía, non se realizou ningún trámite para aprobar o Plan Especial necesario para urbanizar a zona, nin se xestionaron coa Axencia de Infraestruturas (AXI) as conexións viarias entre a PO-308 e os terreos da Canteira, a pesar de que o goberno anterior xa preparara toda a documentación en 2023.
A nacionalista cualifica esta "pasividade" de Moldes como un "erro estratéxico" non desenvolver esa zona como un núcleo de centralidade no municipio con máis equipamentos e infraestruturas "fundamentais" como pode ser a creación dun novo ambulatorio e permitir que se deteriorase e convertese "nun absoluto vertedoiro municipal".
O BNG esixe ao alcalde que "se poña a traballar para axilizar os trámites e permisos que fagan realidade o novo centro de saúde".
O grupo municipal tamén reclama que actúe na estrada para potenciala como eixo de conexión do crcuce de Albar con Campelo. "Non se pode consentir unha neglixencia deste tipo", advirte Caldas.