Poio reforzará os servizos municipais con 23 novos traballadores

Poio
18 de febreiro 2026

As contratacións realizaranse a través do plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra para mellorar atención social, limpeza, turismo, cultura e mantemento de espazos públicos

Operarios municipais traballando en Poio
Operarios municipais traballando en Poio / Concello de Poio

Vinte e tres persoas en situación de desemprego comezarán a traballar nos servizos municipios de Poio. Será a través do plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.

Estas contratacións, segundo explica o goberno local, permitirán reforzar diferentes departamentos e servizos que precisan máis persoal ou que realizan traballos estacionais.

Así, a través deste plan de emprego, contrataranse dous traballadores de ciclo superior de Turismo para reforzar as tarefas de información, guía e asistencia; e para revalorizar os espazos públicos e protección do medio ambiente contrataranse dez persoas.

Cinco operarios para servizos múltiples (praias e obra pública) ocuparanse de adecentar e manter espazos públicos, desenvolver tarefas de rehabilitación e desbroce de roteiros municipais, limpeza e desbroce de camiños e sendeiros e limpeza e mantemento de praias. 

A maiores, incorporaranse tres condutores e dous electricistas, neste caso para controlar a adecuada utilización dos puntos de luz, substituír sistemas e graduar a intensidade nas distintas franxas horarias, entre outras tarefas.

O persoal de limpeza reforzarase con catro contratacións, mentres que se incorporarán tres conserxes para mellorar o funcionamento e a limpeza dos centros de traballo e das instalacións deportivas municipais. 

No ámbito dos servizos sociais, contrataranse unha auxiliar de clínica e un traballador social para fortalecer a atención nun departamento que presta servizo a un elevado número de persoas usuarias no municipio.

Pola súa banda, o servizo municipal de Cultura contará cun animador ou animadora sociocultural, co fin de reforzar e mellorar unha programación cultural e lúdica que cada ano rexistra unha ampla participación.

E finalmente, incorporarase un operario-coidador para a canceira municipal, un servizo xestionado polo Concello en colaboración cunha asociación de voluntariado.

As persoas candidatas deberán estar en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes nas categorías profesionais requiridas. A preselección das persoas aspirantes será realizada pola oficina de emprego.

O PSOE ESIXE RECUPERAR AS BRIGADAS MUNICIPAIS

A este respecto, desde o PSOE de Poio denunciaron este mércores o abandono do espazo público en todo o municipio e esixiron a recuperación inmediata das brigadas municipais.

Os socialistas sosteñen que a situación actual "xa non é puntual nin circunstancial", senón consecuencia dunha "falta absoluta de planificación e de vontade política".

Isto tradúcese, afirma o PSOE, en beirarrúas levantadas, pavimentos deteriorados, camiños sen mantemento, sinalización danada, mobiliario urbano abandonado ou problemas recorrentes na iluminación, no abastecemento e no saneamento.

"Existe unha absoluta despreocupación pola conservación e polo mantemento do espazo público", subliñan os concelleiros socialistas, que advirten de que "o que non se repara a tempo acaba custando moito máis".