O Concello de Poio continúa a súa folla de ruta cara á innovación dos servizos públicos. Nesta ocasión, o goberno local presentou unha nova varredora de última xeración que supón un reforzo clave para a hixiene urbana de todo o municipio.
Esta adquisición intégrase no ambicioso proceso de modernización da frota que a empresa concesionaria, Valoriza, está a despregar para ofrecer unha resposta máis áxil e adaptada ás necesidades actuais da veciñanza.
Con esta incorporación, Poio pasa a contar con dúas máquinas varredoras activas, un incremento que permitirá ampliar as frecuencias de paso e reducir significativamente os tempos de intervención.
Dada a ampla extensión territorial do concello, contar con este reforzo resulta esencial para garantir que o servizo chegue con eficacia a todos os recunchos.
A nova máquina destaca pola súa versatilidade e potencia. Está equipada cun sistema de varrido mecánico, soplador e un dispositivo de baldeo mediante lanza de presión tipo kärcher.
Conta cun depósito de auga con capacidade para 600 litros, para que os operarios poidan realizar traballos de limpeza profundos e completos nun único desprazamento.
A varredora operará de luns a sábado durante todo o ano, con especial incidencia nas zonas peonís, prazas e espazos de maior tránsito, onde a imaxe e a hixiene son fundamentais para a calidade de vida cidadá.
O plan iniciado polo Concello e Valoriza inclúe un total de doce novos equipos destinados a transformar a operatividade diaria.
Entre o material atópanse catro furgonetas para servizos comúns e limpeza; un camión de carga lateral e outro dotado con guindastre e plataforma; catro carros portacubos, así como novas papeleiras; e maquinaria auxiliar como rozadoras, soplantes e un camión de gran capacidade.
Máis aló da mellora estética, esta aposta pola modernización responde a criterios de sostibilidade.
Os novos vehículos son máis eficientes e están deseñados para reducir as emisións contaminantes.