BNG e PSOE reclaman 24,5 millóns á Xunta e ao Estado para o Museo, o Gafos e a Xunqueira de Alba

Pontevedra
26 de decembro 2020

O goberno municipal de Pontevedra, formado polo BNG e o PSOE, reclamará un investimento de 24,5 millóns de euros á Xunta de Galicia e ao Estado para mellorar "significativamente" os investimentos que estas dúas administracións destinan á cidade nos seus orzamentos

Presentación do estudo técnico para "Liberar o río Gafos"
Presentación do estudo técnico para "Liberar o río Gafos" / Mónica Patxot

O goberno municipal de Pontevedra, formado polo BNG e o PSOE, reclamará un investimento de 24,5 millóns de euros á Xunta de Galicia e ao Estado para mellorar "significativamente" os investimentos que estas dúas administracións destinan á cidade nos seus orzamentos.

Así se recolle na emenda dos dous partidos á moción presentada polo PP para que o pleno instara ao Goberno central a incrementar os cartos que destina a Pontevedra e a Galicia.

En concreto, a iniciativa que asinan Carme da Silva e Tino Fernández como voceiros dos grupos nacionalista e socialista, busca que eses 24,5 millóns se dividan a partes iguais entre a Xunta de Galicia e o executivo de Pedro Sánchez durante os anos 2020 e 2021.

Doce millóns serían para a rehabilitación dos edificios históricos do Museo e a construción do novo inmoble dedicado á arqueoloxía en Valdecorvos. O proxecto, que custaría 15 millóns, completaríase con outros tres millóns achegados pola Deputación.

Para o destape e rexeneración do río Gafos en Campolongo, o Concello de Pontevedra pagaría 1,5 millóns de euros. BNG e PSOE queren que os 7,5 millóns restantes saian das arcas da Xunta de Galicia e do Goberno central, ata completar os 9 millóns de euros en investimentos.

A terceira das actuacións que se financiaría con estas achegas sería a liberación da Xunqueira do Alba e a construción de novas sedes para os equipamentos asentados en dominio público marítimo terrestre como a Imprenta Provincial ou os parques de maquinaria.

Para iso, ademais dos respectivos convenios administracións implicadas, Pontevedra reclama que cada una das administracións destine 2,5 millóns de euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora