O BNG insta á Xunta a reabrir o miradoiro de Cotorredondo e a impulsar a recuperación integral do Parque de Castiñeiras

Vilaboa
05 de decembro 2025
Actualizado: 13:29

O BNG critica o "abandono" por parte da Xunta da xestión global do Parque da Natureza de Castiñeiras, espazo compartido polos concellos de Vilaboa e Marín

O BNG insta á Xunta a reabrir o miradoiro de Cotorredondo

Representantes do BNG de Vilaboa, encabezados polo concelleiro Carlos Acuña e polos deputados Luís Bará e Paulo Ríos, presentaron este xoves no miradoiro de Cotorredondo unha batería de iniciativas co obxectivo de reclamar á Xunta a reapertura deste edificio, pechado ao público desde hai anos, e a posta en marcha dun plan integral de recuperación e dinamización do Parque da Natureza de Castiñeiras.

O encontro tivo lugar no propio miradoiro, situado na parroquia de Santa Cristina de Cobres. Segundo denunciou Bará, portavoz de medio ambiente do BNG no Parlamento, o peche prolongado deste espazo supón "o desaproveitamento dun importante centro de atracción de visitantes e dinamización da contorna".

Lembrou ademais que, malia que a titularidade do inmoble pertence á comunidade de montes de Santa Cristina, a Consellería do Medio Rural utiliza a instalación como torre de vixilancia de incendios, polo que o Bloque considera que debe ser o Goberno galego quen asuma a súa apertura ao público.

En paralelo, o BNG critica o "abandono" por parte da Xunta da xestión global do Parque da Natureza de Castiñeiras, espazo compartido polos concellos de Vilaboa e Marín e polas comunidades de montes de Santa Cristina, San Martiño, San Xulián e Santo Tomé de Piñeiro.

A formación nacionalista lembra que, malia algunhas actuacións puntuais na lagoa e na súa contorna, continúan sen resolverse cuestións fundamentais como a inactividade da Aula da Natureza, a falta de conservación do Xardín Botánico, a escasa divulgación dos valores culturais e arqueolóxicos da zona e a perda do Centro de Recuperación da Fauna Salvaxe, trasladado pola Xunta a Cerdedo-Cotobade.

O Bloque reclama tamén o apoio institucional á iniciativa da Asociación Xoán XXIII, que está a desenvolver no antigo centro de recuperación un proxecto social, ambiental e de integración sociolaboral de persoas con discapacidade.

Neste contexto, Bará defendeu a necesidade dun "plan integral de conservación, promoción e posta en valor deste gran espazo natural e cultural", elaborado en cooperación coa Deputación de Pontevedra, os concellos implicados, as comunidades de montes e diferentes entidades sociais, co obxectivo de converter Castiñeiras "nun motor social e económico da contorna".

O grupo nacionalista propón que a Xunta destine 250.000 euros anuais durante os vindeiros catro anos, ata un total dun millón de euros, ampliable con achegas doutras administracións, para garantir a recuperación e dinamización do parque.

Finalmente, en relación ao miradoiro de Cotorredondo, o BNG esixe a realización dun estudo técnico que avalíe o estado de conservación do edificio e permita reabrilo ao público con todas as garantías de seguridade.