O Consello Local do BNG en Marín vén de aprobar por unanimidade a proposta de que Lucía Santos Omil sexa a candidata á Alcaldía nas eleccións municipais de 2027.
A decisión foi posteriormente ratificada na Asemblea Local celebrada o pasado 5 de xuño, consolidando así o inicio do que a organización define como unha nova etapa política no municipio.
Segundo trasladou a formación nacionalista, esta designación enmárcase nun proceso de continuidade do traballo desenvolvido nos últimos anos, no que destacan a consolidación organizativa e o reforzo da súa presenza institucional e social no concello de Marín.
A propia Lucía Santos, que lidera o BNG local desde 2018, é presentada pola organización como unha figura con ampla experiencia política e coñecemento directo da realidade municipal.
Durante este tempo, a dirección nacionalista destaca o seu papel na reorganización interna do partido e no impulso dun proxecto de recuperación e crecemento que, segundo sinalan, tivo reflexo nos resultados electorais recentes e na súa consolidación como forza de referencia na vila.
Na actualidade, Santos encabeza o grupo municipal do BNG, que a formación describe como cohesionado e activo na corporación local.
Desde a súa acción na oposición, o grupo vén centrando o seu labor na fiscalización da xestión do goberno local e na presentación de iniciativas orientadas á mellora dos servizos públicos e da calidade de vida da veciñanza.
No plano orgánico e institucional, o BNG subliña tamén o traballo de proximidade desenvolvido pola súa militancia, con presenza habitual nos barrios, nas parroquias e no tecido asociativo, comercial e hostaleiro de Marín, co obxectivo de recoller demandas cidadás e trasladalas á acción política.
Para a organización nacionalista, a candidatura de Lucía Santos responde á necesidade de consolidar un proxecto “ambicioso” de futuro para o municipio.
Entre os argumentos esgrimidos destacan a súa experiencia institucional, a capacidade de diálogo e o coñecemento da realidade local, elementos que, segundo o BNG, a sitúan como a opción idónea para encabezar a lista en 2027 fronte ao actual goberno do Partido Popular.