O BNG 'oficializa' a candidatura de Lucía Santos á alcaldía de Marín coa visita de Pontón

Marín
09 de xullo 2026
Actualizado: 20:03

Consello e Asemblea Local do partido aprobaron en xuño por unanimidade a proposta de Lucía Santos como candidata

Lucía Santos, candidata á alcaldía de Marín xunto á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
Lucía Santos, candidata á alcaldía de Marín xunto á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón / BNG

Despois de que en xuño Consello e Asemblea Local do BNG de Marín aprobasen por unanimidade a proposta de Lucía Santos como candidata á alcaldía nas próximas municipais, este xoves o partido 'oficializou' a candidatura coa visita da portavoz nacional, Ana Pontón, ao municipio marinense.

"Imos a por todas nas próximas eleccións municipais, queremos que Lucía Santos sexa a próxima alcaldesa de Marín e facémolo coa forza que nos dá ter un proxecto ilusionante e transformador e coa convicción de que temos a mellor alternativa para este concello", dixo a representante nacionalista.

Durante a presentación, Pontón destacou a experiencia, capacidade e coñecemento da candidata, portadora ademais "da forza e a ilusión necesarias para levar a cabo o cambio que necesita o municipio".

A líder nacionalista engadiu que o seu partido "non só ten a mellor candidata, senón tamén un proxecto que conta co aval do seu modelo municipal de éxito", apuntando ademais que "da súa man podemos abrir Marín ao mar e podemos conseguir que este concello xere novas oportunidades".

Ese modelo municipal de éxito exemplificouno "no Concello de Pontevedra, que despois de tantos anos de goberno do Bloque, avanza, progresa, gaña dinamismo económico e poboación" mentres que en Marín "decrece a poboación e a xente non ve expectativas".

Durante a súa intervención a candidata falou da ilusión coa que o partido afronta en Marín as eleccións municipais de 2027 "coa tranquilidade do traballo ben feito desde o primeiro día desta lexislatura".

Santos tamén apuntou ao programa electoral avanzando que incluirá propostas "importantes en materia de vivenda, mellora dos servizos sociais e respostas á falta de aparcadoiros".

Incidiu, do mesmo xeito que a portavoz nacional, nun proxecto para abrir Marín ao mar; a "iniciativa máis importante durante décadas para transformar o urbanismo e que contribuirá á súa dinamización socioeconómica".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora