Despois de meses de protestas veciñais, o controvertido proxecto do Variante Oeste entra nunha nova etapa de planificación tras descartar o Goberno o traxecto proposto.
Así o adiantou esta semana o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzando os plans da administración estatal, e o resto de formacións políticas non tardaron en reaccionar ao anuncio.
Desde o Bloque Nacionalista Galego (BNG) Manuel Fariña defende que se aproveiten os estudos informativos xa realizados para avanzar na futura estrada, mentres que desde o Partido Popular o seu portavoz local Alberto Pazos pide que se inicie a redacción dun novo "consensuado" que inclúa as demandas da veciñanza e contemple as necesidades dos municipios afectados.
En ambos os dous casos demandan ademais que debe ser o Estado o que confirme a retirada do proxecto de maneira oficial xa que "Besteiro non ten potestade ningunha para facelo", sinalou Pazos.
No caso do BNG, Fariña pide que a solución pase por unha rolda oeste branda "tipo avenida" para resolver os problemas de tráfico da Vila Termal sen unha gran afectación ao territorio, estimando o custo da intervención en preto de 10 millóns de euros.
"Se botamos todo abaixo volvemos ao punto de partida e dende o goberno do Estado nada máis que se van lembrar de Caldas cando as eleccións estean próximas. A veciñanza precisa unha alternativa de mobilidade real", advirte Fariña pedindo unha actuación semellante á de Portas cun trazado sen valar, velocidade e tráfico acougado, sen grandes desniveis, accesible para tráfico natural e cun itinerario peonil e ciclista en paralelo.
Pola súa banda o Partido Popular considera que o Goberno debe iniciar "con urxencia" a redacción dun novo estudo informativo que conteña alternativas de trazado adaptadas aos acordos plenarios alcanzados por unanimidade nos plenos dos concellos de Caldas de Reis e Portas.