O BNG rexeita que a ría de Arousa acolla verteduras de dragados

O Salnés
16 de abril 2025
Actualizado: 11:42

Néstor Rego reclama ao Goberno rexeitar a posibilidade de que as rías galegas sexan puntos de depósito de materiais de dragados e exixe realizar un estudo para avaliar o impacto dos sedimentos

Néstor Rego
Néstor Rego /

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno de España que rexeite calquera posibilidade de utilizar as rías galegas, e en particular a Ría de Arousa, como punto de depósito de materiais procedentes de dragados portuarios.

A proposta do BNG, segundo explica o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ademais a clausura definitiva do punto de vertedura situado nas proximidades da Illa de Sálvora, así como a realización de estudos ambientais que permitan avaliar o impacto ecolóxico e económico deste tipo de prácticas sobre un ecosistema de alto valor.

Néstor Rego denuncia que "a escolla deste punto de vertedura non se fixo con criterios ambientais nin con participación pública, senón que responde a unha política de feitos consumados que ignora tanto a riqueza natural da zona como os intereses do sector pesqueiro e marisqueiro".

A iniciativa nacionalista lembra que no ano 1998 o Ministerio de Fomento habilitou este punto de vertedura "sen realizar exposición pública nin contar con informes ambientais accesibles", a pesar de que se sitúa dentro dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), a menos de dúas millas da Illa de Sálvora que é parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e moi preto de caladoiros tradicionais.

"A pesar da súa evidente importancia ecolóxica e económica, ese punto foi utilizado durante anos por Portos do Estado e por Portos de Galicia sen estudos rigorosos nin seguimento dos efectos a medio e longo prazo. Falamos de millóns de metros cúbicos de lodos depositados no fondo mariño sen que se coñezan os seus impactos reais" alerta Néstor Rego.

Na súa iniciativa, o BNG advirte tamén sobre a proposta do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), dependente dos ministerios de Transportes e Transición Ecolóxica, que propón de novo como "prioritario" o mesmo punto de vertedura en Sálvora para os residuos da dragaxe do Lérez, que fora rexeitado en 2021 e que o sector pesqueiro vetara con contundencia en 2019.

"Non podemos consentir que un dos ecosistemas mariños máis ricos da península se converta nun vertedoiro subacuático" remata Rego.