O concelleiro Hugo González fixo un balance "moi positivo" do Marín Gaming, o evento centrado nos deportes electrónicos (e-sports) que se desenvolveu esta ponte na Carpa de Actividades situada no Parque Eguren.
Segundo os datos da organización, que recaeu no club de Lúa Gaming, entre os dous días pasaron pola carpa preto de 900 persoas.
Os torneos, que eran un dos atractivos do evento, tamén tiveron éxito: de EA Sports FC 25 (con 42 inscritos), Mario Kart (36 inscritos), Brawl Stars (con 34 equipos inscritos) e o escape room, con 112 persoas que participaron durante as 4 sesións ofrecidas.
A maiores, "estamos contentos coa actividade paralela que se realizou nos institutos, onde chegamos a moito alumnado para falar sobre cyberbullying, que é un tema que lles toca moi de preto", explicou o concelleiro, que tamén notou que o público "foi moi variado e familiar".
LUDOXORNADAS
A seguinte data importante no calendario é este venres, onde terá lugar a primeira das sesións das Ludoxornadas, que se celebrarán de 17.00 a 21.00 horas no Museo Torres. Nelas, os apaixonados dos xogos de mesa, non importa a súa idade, poderán desfrutar dalgúns dos xogos máis divertidos e coñecidos actualmente.
O domingo, 15 de decembro, será a seguinte Ludoxornada, no mesmo horario e lugar, pero cunha visita moi especial: a dos Mozos de Arousa, da asociación Arousa Moza, e que xa participaron noutras edicións desta actividade.
SEMANA DA SOLIDARIEDADE
Como cada ano, o Concello coordinará unha acción conxunta entre as ONGs e os centros educativos de Marín, a Semana da Solidariedade, no que se procura facer unha importante a recollida de alimentos non perecedoiros, produtos de Nadal e material de hixiene e limpeza.
A campaña consistirá en que durante a semana do 12 ao 19 de decembro, o alumnado e as familias poidan achegar algún produto. Despois, xuntarase o recollido para que as ONG fagan o reparto, tendo en conta o número de familias ás que axuda cada asociación non lucrativa: o Comedor Benéfico, Cáritas, Cáritas Santomé, Ayuda en Acción Sor Elvira e Amenac.