As últimas medidas restritivas que adoptaba a finais da semana pasada o Ministerio de Sanidade polo incremento de contagios por coronavirus fixeron cambiar noventa graos o rumbo que estaba previsto para a celebración da Festa Corsaria de Marín.
Con esas novas directicres, o goberno municipal tomaba unha día antes do evento festivo a decisión de suspender todos os actos que estaban previstos para a Festa Corsaria de 2020, salvo o mercado de oficios e o mercado corsario.
Unha vez concluída a súa celebración o pasado sábado 15, o Concello destaca a boa aceptación e a afluencia que ambos tiveron durante a xornada. De igual forma, a administración local tamén fai público o seu agradecemento aos artesáns que decidiron participar da convocatoria e que seguiron en todo momento as medidas de seguridade e hixiene en vigor.
Estes tamén quixeron ter unha mostra de agradecemento coa decisión do Concello de Marín, dadas as escasas oportunidades que atopan nestes complicados momentos económicos para desenvolver a súa actividade comercial. Por iso, fixeron entrega á concelleira Elisa Dopazo López, dunha réplica en madeira do escudo de Marín.