Boa Vida 'alza a voz' polos dereitos das persoas refuxiadas

Pontevedra
21 de xuño 2025

Un coro intercultural da Asociación Boa Vida reivindicou este sábado en Pontevedra mellorar as condicións das persoas refuxiadas

Actuación dun coro multicultural da Asociación Boa Vida en Benito Corbal
Actuación dun coro multicultural da Asociación Boa Vida en Benito Corbal / Asociación Boa Vida

Os datos sobre persoas refuxiadas son demoledores.

Existen máis de 123 millóns de persoas desprazadas forzosamente no mundo, segundo datos de ACNUR.

Por ese motivo, e para reivindicar os dereitos das persoas refuxiadas, a Asociación Boa Vida protagonizou este sábado unha dobre intervención en Pontevedra.

Fíxoo 'alzando a voz', e é que usou un coro multicultural para tentar trasladar a súa mensaxe.

Este coro protagonizou actuacións na apertura dunha exposición na Sala Nemonon (Ferrería) e tamén xunto a un posto informativo instalado na céntrica rúa Benito Corbal.

Conflitos armados, persecucións, violacións de dereitos humanos e desastres alteran gravemente a vida de millóns de persoas.

Todo iso nun momento no que protección internacional e a solidariedade global son máis necesarias que nunca. Tamén nunha pequena cidade como é Pontevedra.

Por todo iso Boa Vida súmase a multitude de organizacións humanitarias para pedir ás administracións públicas, entre outros puntos, incluír os migrantes climáticos na protección internacional, establecer canles seguras de migración en Europa ou combater os discursos de odio.