Boias para reforzar a seguridade da praia do Lérez, na que "as correntes poden ser perigosas"

Pontevedra
29 de xuño 2022

Nas últimas semanas realizáronse os traballos de posta a punto da praia e unha das accións foi instalar o balizamento perimetral de boias amarelas de 175 metros que xa sinala desde hai uns días a área permitida para o baño, una tarefa na que se investiron 3.726,80 euros. Como complemento, a cartelería reforzará a información aos bañistas 

Traballos de achega, nivelación e estendido de area na praia fluvial do Lérez Concello de Pontevedra

"Non te bañes fóra da zona de boias. As correntes de baixada e subida da marea poden ser perigosas". Este cartel estará instalado a partir do vindeiro venres 1 de xullo na caseta do servizo de socorrismo e nos baños da praia fluvial do Lérez. Ese día darase por inaugurada a tempada alta de uso deste areal pontevedrés e, con tal motivo, empezarán a funcionar todos os servizos. 

Nas últimas semanas realizáronse os traballos de posta a punto da praia e unha das accións realizadas foi instalar o balizamento perimetral de boias amarelas de 175 metros que xa sinala desde hai uns días a área permitida para o baño, una tarefa na que se investiron 3.726,80 euros. Como complemento, a cartelería reforzará a información aos bañistas para que coñezan a necesidade de extremar precaucións. 

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural fixo balance este mércores dos traballos realizados nestas últimas semanas de xuño para, segundo indican, "poñer 'de bandeira' de cara ao verán a praia fluvial do Lérez", un areal sobre o que semanas atrás houbo críticas do PP ao concelleiro responsable, Iván Puentes, porque rexeitou pedir a bandeira azul para o areal a pesar de que asegura que cumpriría todos os requisitos.

Dentro dos traballos realizados, a empresa EC Casas aproveitou a xornada de tempo nubrado de hoxe para executar obras de achega e nivelación de 42 metros cúbicos de area, estendéndoa especialmente por aquelas zonas nas que xa comezaba a asomar a malla de protección do areal e o tubo situado na esquina do peirao. Esta intervención tivo un orzamento de 7.540,12 euros. 

Ademais, a praia fluvial estreará este venres 1 de xullo o seu servizo de socorrismo, para o que o Concello contratou á empresa Salvar, Formar y Socorrer SL e destinou unha partida de 18.053,20 euros. Os socorristas vixiarán o areal urbano a diario ata o 31 de agosto en horario de 13.00 a 20.30 horas. De luns a venres de 16.30 a 20.30 horas haberá dous socorristas e o resto do tempo, un

O venres 1 de xullo tamén quedarán colocados na caseta dos socorristas e os baños os vinilos e a nova cartelería de Verde Urbano, con información sobre as zonas de baño e o recordatorio de que se trata dunha praia libre de fume e da necesidade de conservar un ambiente agradable, falar e escoitar música e radio cun volume baixo e empregar as papeleiras para deixar os refugallos.

Tamén se instalará un cartel no que se poñen en valor o conxunto de camiños existentes nos últimos quilómetros do río Lérez, entre a presa de Bora e a zona máis urbana do concello. Iván Puentes destaca que se trata dun "parque natural de máis de 6 quilómetros e múltiples sendas accesibles para gozar da natureza, con puntos de interese como a Estación de Bombeo, o antigo balneario, a ponte das Palabras ou a propia praia fluvial".

Todos estes traballos complétanse coa contratación, cun orzamento de 4.797,65 euros, da empresa Prezero España SAU, que se encargará de desenvolver o servizo de limpeza dos baños e do areal entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. Os aseos limparanse dúas veces ao día.