"Boicotea" Rueda o regreso da CRTVG a Pontevedra? O BNG cre que si: "É o máximo responsable"

Pontevedra
29 de outubro 2025
Actualizado: 17:36

A proposta do BNG para reabrir a sede dos medios públicos en Pontevedra contou co apoio do PSOE e Democracia Ourensana. Non saíu adiante polo rexeitamento frontal do PP

Unidades da CRTVG en San Marcos
Unidades da CRTVG en San Marcos / CRTVG

Para o BNG, a "discriminación" que a corporación de medios públicos de Galicia, a CSAG -a antiga CRTVG-, mantén con Pontevedra, a única capital de provincia sen delegación propia, ten ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como "máximo responsable".

Así o denunciou este mércores o deputado Luís Bará, que reclamou no Parlamento galego a reapertura da sede que a compañía pechou "sen previo aviso" en 2010, unha decisión que supuxo un "retroceso" na cobertura mediática de Pontevedra.

Bará lembrou que a desaparición da radio e da televisión pública en Pontevedra provocou doce despedimentos e trece traslados obrigatorios a Vigo, deixando á cidadanía pontevedresa "sen cobertura informativa" sobre os asuntos que lles interesan.

"Dicímolo alto e claro. O culpable é un pontevedrés que se chama Alfonso Rueda", subliñou o deputado do BNG na súa intervención, na que sostivo que "non valen escusas de carácter técnico nin orgánico" para non reabrir esta delegación.

Profundando no "castigo" a Pontevedra, Luís Bará denunciou ademais o "claro nesgo partidista" nas informacións sobre a cidade como ocorre con moitas outras localidades "onde non goberna o PP", algo que considera que é "indecente".

Luis Bará, no Parlamento galego
Luís Bará, no Parlamento galegoBNG

De cara a unha posible reapertura desta sede, insistiu Bará, "non habería impedimento" para que a compañía dispuxese dun espazo adaptado ás súas necesidades desde o que puidese ofrecer unha cobertura "acaída, ampla, plural, obxectiva e imparcial" sobre Pontevedra.

Pero o PP, co seu voto en contra, vetou esta iniciativa do BNG.

A postura dos populares xustificouna a deputada Carmen Pumar, que defendeu que a decisión de pechar a delegación pontevedresa adoptouse no marco dunha reorganización "complexa e necesaria" da estrutura informativa da compañía.

Que a CRTVG fose propietaria dun local en Vigo e non en Pontevedra, segundo Pumar, "foi unha das razóns máis relevantes" para este peche. Reiterou que a compañía "nunca tivo delegación propia en Pontevedra", xa que estaba alugada a unha produtora.

Negou que esta reestruturación repercuta na cobertura territorial da compañía, xa que a actualidade das cidades "é seguida coma sempre", a pesar da "confusión" que quere xerar a oposición.

A día de hoxe, sentenciou a deputada do PP, en todo caso non resulta "sostible" nin técnica nin presupuestariamente asignar medios a unha nova delegación na Boa Vila.

A deputada socialista Paloma Castro coincidiu co BNG en que o peche da delegación da CRTVG en Pontevedra foi un "erro político e mediático" que deixou a Pontevedra "sen voz" e sen unha "presenza real" na radio e televisión pública galega.

Desde entón, afirmou Castro, "quedaron sen contar moitas historias" da vida cotiá de Pontevedra, algo que supuxo "recortar e invisibilizar a realidade pontevedresa" e facela desaparecer da súa cobertura informativa.

Para a dirixente do PSdeG-PSOE, Rueda "discrimina" á súa cidade protagonizando un "desprezo" que, ao seu xuízo, "é difícil de entender". A iso sumou que, nestes momentos, "non hai un servizo público, nin plural nin con independencia informativa".

Tamén se mostrou a favor desta reapertura proposta o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, que considera "o máis lóxico" que a cidade, como capital de provincia, teña unha delegación dos medios públicos de Galicia.

Sostivo que "non se sostén" que a compañía se escude en motivos económicos cando moven unha "cantidade inxente de recursos" e cando creala "non é que sexa moi difícil". Esta decisión, sentenciou, "é unha cuestión de vontade política".

"Nós en Ourense moitas veces ata case preferiríamos que non houbese delegación da TVG porque fan máis contrainformación que información", ironizou o parlamentario ourensán.