A Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) anuncia que o sábado 15 de xaneiro instalará na praza da Peregrina entre as 15:00 e as 22:00 horas unha mesa informativa co obxectivo de promover a importancia da doazón de sangue, órganos e tecidos entre a cidadanía pontevedresa.
Todos os que se acheguen ata a carpa poderán ademais depositar os seus soños e ilusións na denominada Bolsa dos Desexos, que será levada por relevos desde Tui ata Santiago para seren depositados na Capela da Corticela da Catedral compostelá e pasar así a formar parte do fume do botafumeiro.
Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Concellería de Actividade Física e Saúde do Concello de Pontevedra, porase en marcha ese mesmo sábado 15, día no que a comitiva de Asampo partirá de Tui ás 8:00 horas. Nesa xornada o colectivo emprazará mesas informativas en diferentes concellos ao longo do percorrido.
O tenente de alcalde, Tino Fernández, anima a todos os pontevedreses a participar desta Bolsa dos Desexos de Asampo, "unha asociación sen ánimo de lucro que fai un labor inxente na promoción da doazón de sangue, órganos e tecidos e que, con este tipo de iniciativas, permite visibilizar unha cuestión fundamental no eido socio sanitario".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.