Os bombeos e o Concello de Pontevedra non tiveron ningunha responsabilidade penal no incendio que o 6 de novembro de 2022 arrasou as instalacións da antiga fábrica de cerámicas de Pontesa, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, e provocou a morte dun traballador.
Así o concluíu a Audiencia Provincial de Pontevedra, que acaba de ditar un auto arquivando a responsabilidade penal tanto dos bombeiros que participaron na extinción do lume durante 21 días como do propio Concello.
O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, que instruíu a causa, xa acordara nun auto previo sobreser a responsabilidade penal, pero o caso chegou á Audiencia Provincial polos recursos presentados por Galigrain, filial do Grupo Nogar, e por unha aseguradora.
Agora, a Audiencia pecha esa vía de forma definitiva ao desestimar todos os recursos.
A portavoz do Goberno local, Eva Vilaverde, deu a coñecer este xoves o auto e manifestou que no Concello están "congratulados" con esta decisión xudicial.
Vilaverde quixo insistir nas felicitacións ao traballo dos bombeiros que durante 21 días "xogáronse o tipo" traballando nestas instalacións nun "esforzo case inhumano para poder apagalo".
Tamén lembrou que a nave era "absolutamente ilegal", a actividade que alí se realizaba tamén e as instalacións estaban "sen ningún tipo de medida de seguridade e de prevención de incendios". Era unha "absoluta polvoreira", segundo a concelleira pontevedresa.
"Os bombeiros foron xogarse o tipo para apagar o lume e acabaron nos xulgados, en vía penal, para tratar de responsalizalos", criticou, por iso é polo que se alegra de que este auto "coloque un pouquiño as cousas no seu sitio".
Segue aberta a vía para reclamar responsabilidade patrimonial por este incendio. Presentáronse nesta liña tres reclamacións diferentes; de Galigrain, da súa aseguradora e de Ceferino Nogueira.
A aseguradora de Galigrain, a filial do Grupo Nogar que almacenaba o gran que había no interior da nave, esixiu no seu día unha indemnización de 7 millóns de euros polos danos e prexuízos, pero esa reclamación xa non está sobre a mesa. Si que está sobre a mesa outra petición dun millón de euros.