Pontevedra súmase ao operativo de loita contra os incendios que están a arrasar especialmente á provincia de Ourense.
Só o incendio de Chandrexa de Queixa e Vilariño arrasou xa máis de 16.000 hectáreas, segundo información de Medio Rural, converténdoo no maior lume forestal da historia de Galicia.
"Sabemos que a situación neste momento en Ourense é límite e pensamos que é o momento de arrimar o ombreiro", sinalou este sábado a concelleira de Seguridade Cidadá de Pontebedra, Eva Vilaverde, para explicar os medios cos que colaborará o parque municipal de Bombeiros.
En concreto catro profesionais, cun mando, un condutor e dous bombeiros, partiron á primeira hora deste sábado co vehículo especializado co que conta o parque, unha bomba forestal, en dirección á provincia de Ourense.
Unha achega gstionada en coordinación directa coa Axencia Galega de Emerxencias e baixo o mando operativo único do CECOP.
"Toda axuda que lle poidamos mandar é pouca", sinala a edil.
"Na medida das nosas posibilidades mandamos os medios que temos a disposición, dos que podemos dispoñer tendo en conta que temos que manter cuberto o servizo en Pontevedra", explicou Vilaverde avanzando tamén que no municpio activouse un protocolo de vixilancia especialmente nas zonas do rural para "vixiar que todo vaia ben" e non se produzan incendios dada a situación actual de risco extremo.
Os bombeiros pontevedreses teñen previsto colaborar durante toda a xornada de sábado e regresar á cidade ás 22.00 horas da noite tras finalizar a súa quenda de intervención.