O Botánico de Caldas convértese nunha aula ao aire libre para os escolares da comarca

Umia
18 de xuño 2026

O Concello de Caldas xa abriu a posibilidade de reservar novas visitas para o próximo curso escolar, unha iniciativa que espera manter o éxito acadado nestes primeiros meses.

Visitas ao Botánico de Caldas
Visitas ao Botánico de Caldas / Concello de Caldas de Reis

O Xardín Botánico de Caldas de Reis está a vivir unhas semanas de intensa actividade grazas ás visitas educativas promovidas polo Concello.

Tras a súa recente rehabilitación, o espazo natural consolidouse como un dos destinos preferidos dos centros de ensino da comarca, que están a aproveitar o seu potencial didáctico para complementar a formación do alumnado.

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, destaca a elevada demanda rexistrada desde a reapertura oficial do recinto a finais de maio. Segundo sinala, tanto colexios do municipio como doutros concellos próximos amosaron interese por coñecer de primeira man a riqueza histórica e natural dun dos lugares máis singulares da vila.

A última visita organizada deste curso terá lugar este venres, coincidindo coa fin das clases, cando varios grupos do CPI Alfonso VII percorran as instalacións.

Con todo, o Concello xa abriu a posibilidade de reservar novas visitas para o próximo curso escolar, unha iniciativa que espera manter o éxito acadado nestes primeiros meses.

Durante os percorridos guiados, o alumnado ten a oportunidade de descubrir como naceu este xardín a finais do século XIX, ligado ao auxe termal de Caldas e ao traballo do enxeñeiro agrónomo Francisco Alcarraz, unha figura relevante na divulgación agrícola e forestal da súa época. As explicacións corren a cargo da informadora turística municipal, coa colaboración do propio responsable de Turismo.

Un dos atractivos que máis sorprende aos escolares é a diversidade de especies procedentes de distintos puntos do planeta.

O Botánico permite realizar unha auténtica viaxe polos cinco continentes sen abandonar a vila, contemplando exemplares tan destacados como a araucaria do Brasil, o cedro do Líbano, as criptomerias xaponesas ou os tulipeiros americanos.

A ruta inclúe tamén a visita ás árbores catalogadas como senlleiras e ao parque dos Choróns, así como á emblemática Carballeira, onde os escolares coñecen o valor ecolóxico dos bosques autóctonos galegos e a importancia da súa conservación. Moitas destas árbores forman parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, recoñecemento que as converte en auténticos tesouros naturais.

Para Fariña, o éxito destas actividades confirma o valor educativo do espazo. "O Botánico ofrece unha forma atractiva de achegarse á ciencia, á historia, ao patrimonio e ao medio ambiente nunha contorna excepcional", apunta.

O goberno local aspira a que tanto o Xardín Botánico como a Carballeira se consoliden nos próximos anos como referentes educativos ao aire libre na comarca, combinando natureza, coñecemento e divulgación nun escenario único.