O Concello de Caldas celebrará a noite de San Xoán ao grande.
Repartirá gratuitamente 1.000 racións de sardiñas e pan, porá música, haberá espectáculo de malabares e realizarase a tradicional fogueira no medio do río Bermaña, onde de novo será protagonista unha figura 'sorpresa'.
O tenente de alcalde, Manuel Fariña, destacou que a sardiñada e a música trasladaranse á Praza do Sesto Casal debido ás obras no Campo da Torre.
Como actividades complementarias, haberá recollida de herbas e unha subida ao Xiabre para ver o solsticio de verán.
Durante a tarde do martes 23, a partir das 18:00 horas, realizarase a recollida das herbas de San Xoán, dirixida por Pepe Bragaña, quen acompañará pola senda fluvial ás persoas interesadas en recoller as sete plantas básicas que forman o 'cacho' co que se lava a cara e faise o ritual protector á mañá seguinte.
Ás 20:30 horas comezarán os pasacalles de grupos tradicionais e, unha hora despois, dará comezo a sardiñada, onde o Concello repartirá as 1.000 racións gratuítas.
Antes do aceso da fogueira, levarase a cabo o espectáculo de malabares 'Fire performance'.
Fariña convida a toda a veciñanza a gozar desta noite, subliñando a singularidade da celebración do San Xoán en Caldas, onde a gran fogueira instálase no leito do río, á beira da ponte romana.
O tenente de alcalde lembrou que durante os últimos anos a fogueira foi unha instalación artística temática, pondo o exemplo do pasado ano cando se recreou a Fábrica da Luz de Segade xunto a unha mensaxe reivindicativa en defensa do CEIP San Clemente.
"Podemos dicir sen equivocarnos que é o mellor San Xoán e o máis orixinal de toda a provincia", subliñou.
Durante a mañá do día 24 o Concello organizará a subida a Xiabre, desde onde se poderá ver o solsticio de verán. Fariña lembrou que no santuario prodúcese unha aliñación astronómica cando o sol nace polo monte Xesteiras e reflíctese directamente no petróglifo.
Para ver este fenómeno acompañado das explicacións da arqueóloga Elena Cabrejas é necesario inscribirse no departamento Municipal de Cultura, onde se darán as indicacións concretas.
O nacionalista Manuel Fariña destacou que durante a noite de San Xoán en Caldas haberá particulares que realicen fogueiras nas súas parroquias, polo que animou a gozar de maneira responsable e respectar as condicións de seguridade establecidas.