Brigadas manuais e maquinaria coordinan a limpeza dos viarios rurais en Marín

Marín
06 de abril 2026

Esta limpeza e roza é unha actuación crucial nesta época do ano para mellorar a seguridade e o estado dos camiños

O concelleiro Pablo Novas comproba a roza nos camiños do rural
O concelleiro Pablo Novas comproba a roza nos camiños do rural / Concello de Marín

O Concello de Marín xa puxo en marcha a súa campaña anual de limpeza e roza nos viarios do rural, unha actuación crucial nesta época do ano para mellorar a seguridade e o estado dos camiños.

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, achegouse estes días ata a zona de Pedreiras para comprobar de primeira man o avance dos traballos.

Alí opera unha brigada da Fundación Xoán XXIII, encargada de executar as rozas manuais nos tramos máis complicados.

Trátase de camiños e vías estreitas ás que non pode acceder a maquinaria pesada, polo que este equipo especializado resulta fundamental para garantir unha limpeza eficaz.

O operativo complétase coa intervención do tractor desbrozador municipal e coa contratación externa de traballos de roza mecánica en toda a rede viaria de titularidade local.

Esta última fase arrancará a comezos de maio, coincidindo co período de maior crecemento da vexetación.

Desde o Concello explican que a planificación segue criterios estratéxicos, tendo en conta tanto o calendario festivo como a chegada da tempada alta de praias e, sobre todo, a necesidade de previr incendios forestais.

Para facilitar o seguimento das actuacións, a veciñanza pode consultar o calendario detallado a través da web municipal e das redes sociais oficiais.

Con esta campaña, Marín atende ao seu compromiso co mantemento do rural e coa seguridade viaria, nun momento especialmente sensible polo aumento da masa vexetal propio da primavera.

Así é a disposición de zonas:

ZONA 1: 6 de abril a 22 de maio. Pedreiras, A Estivada, Arealonga, Pituco, Cañota, Pitanxo, A Laxe, O Carragal, Casal, Bravos, Viñas Brancas, A Raña, Outeiro, Carballal, Igrexario de San Xulián, A Grela, A Bouza, Pena, Caeiro, Coirados, A Roza, Vista Alegre e Macenlle. 

ZONA 2: 25 de maio a 19 de xuño. Zonas entre a liña de costa e a estrada PO-551, dende a Escola Naval ata a Praia de Lapamán: Portocelo, Barriada de Mogor, O Monte, Raposeiras, Aguete, A Gorita, Montecelo, Loira, Bouzón, Moledo, Teoira e Casás.

ZONA 3: 22 de xuño a 24 de xullo. Resille, Lameiro, Cabodevila, O Pazo, Igrexario de Ardán, Picotes, Malvido, Vilaseca, Xuncal, Xermade, O Con, Bexa, Soaxe, Seixo, A Brea, Castro, Porteliña, Cidrás, Aniñada, Sequelo, Sete Espadas, Cruceiro do Vento, Outeiro, Igrexario de Mogor e Bagüín.

ZONA 4: 27 de xullo a 14 de agosto. Moreira, Pardavila, Fixón, O Pozo, Cadrelo, O Pereiro, Silvestre, Troncosa, Esperela, Ruanova, Sobreiras, Ameal, Oubiña, Currás, A Torre, Cernello, Igrexario de Santomé de Piñeiro, O Coto, Allariz, Miñán, Candóns e Pastoriza.

Limpeza de montes. Do 17 agosto a 30 setembro. Montes do barrio de Mogor (monte desde a de Pacita ata os petróglifos, monte desde os petróglifos ata o cemiterio de Mogor, monte desde o cemiterio de Mogor ata o depósito de augas), Monte Pituco, Monte Casal, Cruceiro do Vento e Monte Teixugueiras, Monte Castro da Subidá, Monte da Roza e Monte Chan da Lagoa de Pastoriza.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora